23 septiembre 2009

El Bloque sigue denunciando la saturación de la cuenca hidroeléctrica Miño-Sil

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, interpelou onte a noite na Cámara alta á Ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino, Elena Espinosa, sobre a “saturación “ que padece a conca hidroeléctrica do Miño –Sil por mor da ubicación de máis de 70 centrais hidroeléctricas ao longo do seu percorrido,sendo moitas delas encoros.

Pérez Bouza denunciou ademais, a execución de diversos proxectos hidroeléctricos como o de “Santo Estevo II” en Ourense ou outros moitos que están en fase de tramitación de impacto ambiental no propio Ministerio de Medio Ambiente.

Para o senador do BNG, son actuacións que provocan un grave “impacto ambiental” nunha zona como na que se están levando a cabo as obras por parte da empresa Iberdrola en “Santo Estevo II”.Obras, que o pasado mes de xullo chegaron mesmo a secar o río Sil dende a presa de Santo Estevo ata a desembocadura do río Cabe.Esta situación -explicou o senador- suscitou a alarma e a denuncia de diferentes organizacións ecoloxistas, chegando a interpoñer dúas denuncias ante a Fiscalía. Hai que salientar- dixo- que estas denuncias, unha do propio BNG, motivaron a apertura de dilixencias por parte da Fiscalía por observar indicios de delito.

Xosé Manuel Pérez Bouza lamentou, na súa interpelación á Ministra Espinosa, a gravidade destes feitos así como a pasividade da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que en ningún momento actúo de oficio ante semellante “atentado ecolóxico”.

O senador do BNG, que principiou a súa intervención en galego, destacou que, “a espectacular paisaxe da Ribeira Sacra, xunto co seu rico patrimonio, e as boas condicións para a produción vitivinícola, fan que esta zona fora incluída dentro dos espazos que conforman a Rede Natura, contando polo tanto -dixo- co amparo dunha figura de protección ambiental, denominado Lugar de Interés Comunitario (LIC), así como estar nominada para ser declarada Patrimonio de la Humanidad pola UNESCO”.

Sobre os máis de 70 aproveitamentos hidroeléctricos asentados, na súa maioría na Ribeira Sacra en forma de grandes encoros, o senador nacionalista asegurou que foron construídos durante o franquismo, período que cualificou de “sinistra época” onde o respecto polo medio ambiente era absolutamente nulo.

Por outra banda, Pérez Bouza denunciou o secado do río Sil provocado polas obras que verqueron centos de toneladas de escombros no cauce do río e que posteriormente, foron utilizados para construír unha pista dedicada á circulación diaria de camións e maquinaria pesada.

O senador do BNG transmitiulle á Ministra Salgado, a preocupación desta forza nacionalista ante a pasividade das administracións públicas, e concretamente da Xunta de Galiza e Goberno Central, ambos con competencias para velar por que no se produzan agresións contra o noso entorno.

Neste sentido, Pérez Bouza explicou que esta actitude do Executivo galego non lle sorprendía despois do “efusivo abrazo entre o Presidente de Iberdrola e o actual Presidente da Xunta de Galicia o día da toma de posesión do Sr. Feijoo”.

Tampouco lle sorprendeu -dixo- a actitude da propia Ministra , do Ministerio que dirixe, e a dos organismos que del dependen , como a Confederación Hidrográfica del Miño-Sil, que durante os últimos tempos non interviron para paralizar estas obras senón que mesmo xustificaron publicamente o comportamento da empresa.

Acusou á titular de Medio Ambiente de crer os argumentos de Iberdrola e firmar unha resolución na que se aseguraba que as obras non causarían ningún dano ambiental, dándolle así vía libre a empresa para poder executalas.

Finalmente, o senador do BNG apelou á condición de ourensán da Ministra de Medio Ambiente e a súa responsabilidade política para preservar un dos lugares de gran patrimonio e produción de viño, e solicitou a súa mediación ante os proxectos que aínda están en trámite de execución como o denominado “Santa Cristina” que suporía un impacto aínda maior na Ribeira Sacra.

A Ministra de Medio Ambiente respondeu que estes aproveitamentos axústanse á lei e o proxecto sobre as obras de Santo Estevo II contou cos informes favorables das Consellerías de Medio Ambiente e Innovación e Industria da Xunta de Galiza. Asemade engadiu que Iberdrola realiza controis de auga e mesmo un caudal ecolóxico para non agredir o río.

Para a Ministra Salgado non se produciu un secado xa que a “elevada pedregosidade do cauce fai que se produza un impacto ocular porque as súas augas circulan entre as pedras” .

Sobre os expedientes en tramitación explicou que existen na actualidade 67 de concesións de novos aproveitamentos, 42 en Galiza e 25 en Castela-León, dos cales 7 xa foron informados negativamente.

O senador nacionalista pediu a Ministra Espinosa que revise a documentación, xa que a Consellería de Innovación e Industria “nunca emitiu un informe favorable” porque esta obra tería un impacto negativo sobre o turismo na Ribeira Sacra. A respecto do “efecto óptico” do secado do río, Pérez Bouza amosouse disposto a presentar fotografías e documentación que certifican o grave impacto destas obras no cauce.

Pérez Bouza rematou a súa intervención coa petición de que o aumento de potencia e os novos aproveitamentos hidroeléctricos non leven aparellado unha agresión contra o entorno.