23 septiembre 2009

Fuerte oposición del BNG a la reforma de la LOUGA

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O Bloque Nacionalista Galego considera que a reforma da Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galiza (LOUGA) pactada pola Xunta cos representantes do PSOE da FEGAMP responde a un deseño “ultraliberal” e nada “respectuoso coa realidade galega, co meio ambiente e coa tipoloxía tradicional dos núcleos rurais”. Supón tamén a subordinación da FEGAMP “aos intereses da Xunta” nunha materia tan sensíbel como o urbanismo e a ordenación do territorio.

A FEGAMP, cuxa presidencia está en mans dun alcalde do PSdeG-PSOE. acordou a reforma da LOUGA co goberno conservador de Núñez Feijóo no que constitúe un claro pacto PP-PSOE para redeseñar a política urbanística e medio ambiental no medio rural galego nun sentido “claramente involutivo”, ao xuízo do nacionalista Francisco García, alcalde de Allariz e vicepresidente da FEGAMP. Os representantes nacionalistas na FEGAMP opuxéronse a este acordo de reforma.

García enfatiza que a actual Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Ambiente Rural de Galiza foi impulsada en 2002 polo PP, polo conselleiro Xosé Cuíña, e logo con posterioridade foi modificada polo mesmo partido en 2004.

“E dáse a circunstancia de que en 2004 quen apadriñou a modificación da LOUGA foi o daquela conselleiro e hoxe presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo”, salienta Francisco García, quen relata que apartir dese momento se estabeleceu un protocolo entre a FEGAMP e a Xunta para o desenvolvemento da LOUGA.

“Os elementos fundamentais dese protocolo están a día de hoxe sen cumprir. Moi singularmente están sen se efectivizar as Directrices de Ordenación do Territorio, cuxo estado de tramitación actual permitiría a súa aprobación de xeito imediato”, explica
García, para quen “carece de todo sentido” reformar agora a LOUGA sen ter antes aprobado as Directrices de Ordenación do Territorio. “Sobre todo porque a aplicación destas directrices estaba pactada por Núñez Feijóo e pola FEGAMP”, denuncia.

UNHA REFORMA SEN CONSENSO

A reforma que agora promoven socialistas e populares vai ser unha reforma sen consenso, valora Francisco García, unha reforma que parte de ignorar os aspectos máis relevantes do documento aprobado por unanimidade pola FEGAMP o 20 de Marzo de 2007 en coordenación coa Dirección Xeral de Urbanismo.

Ese documento contemplaba a implementación dunha serie de accións que aínda están por se levar á práctica -as Directrices de Ordenación do Territorio, o Plano Sectorial de Ordenación do Litoral, a simplificación dos planos xerais…- que a reforma impulsada pola presidencia socialista da FEGAMP e Núñez Feijóo non contemplan.

“A actual proposta de modificación da LOUGA non se corresponde coa proposta unánime da Fegamp de marzo de 2007, nen tan sequera co que defendía Núñez Feijóo cando era conselleiro”, di Francisco García, quen enfatiza que “é radicalmente falsa a xustificación pública recollida na exposición de motivos de que esta modificación dá cumprimento ás propostas da Fegamp de marzo de 2007”.

OS EIXOS DA REFORMA

A xuízo do BNG os eixos da reforma “ultraliberal” da LOUGA son os seguintes:

a)- Detrimento do público en beneficio privado.

Suprime sen xustificación o criterio interpretativo beneficioso para a maior dotación de espazos públicos e maior protección ambiental.


b).- Relaxa as condicións para declarar solo como edificábel.

Modifica a definición de solo urbano podendo pasar a esta categoría o que tradicionalmente non o é.

Permite catalogar como núcleo rural grandes áreas de rústico que polas súas condicións ambientais e tipolóxicas nunca poderían ser edificábeis coa actual Lei.

c).- Favorece a dispersión e o éxodo cidade/rural, así como a perda dos valores tipolóxicos propios dos núcleos.

Favorece a proliferación de pseudourbanizacións ciscadas e sen servizos básicos.

O desequilibrio de cargas (dotacións, cesións, condicións ambientais) entre o Solo Urbano Non Consolidado e o Solo Urbanizábel fronte ao Solo de Núcleo Rural favorece a dispersión, mais tamén o éxodo de poboación de cidades e vilas cara á urbanizacións disperas e espalladas no territorio sen nengunha vinculación con el.


CONCLUSIÓN

“En definitiva, achámonos fronte a unha reforma regresiva e que vai botar por terra o esforzo feito estes anos para ordenar o caos urbanístico no medio rural. Vai traer consigo a liberalización do solo, a existencia de urbanizacións ciscadas no territorio, a relaxación absoluta das condicións par poder edificar e a rebaixa na dotación de servizos”, conclúe Francisco García.