10 septiembre 2009

La Xunta asumirá las competencias urbanísticas del concello de Meaño

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O Consello da Xunta anunciou a sinatura dun convenio entre o Concello pontevedrés de Meaño e a Axencia da Legalidade Urbanística, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. O obxectivo principal deste acordo é a colaboración no restablecemento da legalidade urbanística que corresponda neste concello. Con esta adhesión serían 46 os convenios autorizados polo Consello da Xunta, e 40 os acordos xa asinados.

A Axencia da Legalidade Urbanística é un ente público de natureza consorcial para desenvolver, en común pola Xunta de Galicia e os concellos que se integren de maneira voluntaria nela, as funcións de inspección, restauración da legalidade e sanción en materia de urbanismo e o desempeño de cantas outras competencias lle asignan os seus estatutos.

A través deste acordo, axústanse as súas relacións recíprocas aos deberes de información mutua, colaboración, coordinación e respecto polos ámbitos competenciais de ambas as administracións.

Condicións
En virtude deste convenio, o Concello de Meaño delega na Axencia da Legalidade Urbanística o exercicio das competencias municipais de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística en relación coas obras e usos do solo que se executen sen licenza urbanística ou sen axustarse ás súas condicións, sempre que estean situadas nalgunhas das seguintes clases de solo: solo rústico, solo urbanizable mentres non sexa aprobado o correspondente plan parcial ou de sectorización, así como no ámbito dos núcleos rurais delimitados.

Nesta delegación de competencias non se inclúe a reposición da legalidade nin a potestade sancionadora en relación coas obras completamente rematadas antes da publicación deste convenio, que serán exercidas polo concello. A resolución dos recursos administrativos interpostos contra os actos emitidos pola Axencia en exercicio de competencias delegadas corresponderá ao concello.

Entre outras disposicións, o Concello de Meaño terá que prestar a cooperación e asistencia activa que o organismo autonómico lle solicite para o eficaz exercicio das súas competencias; facilitarlle ao persoal da Axencia o acceso inmediato aos expedientes de planeamento, xestión e disciplina urbanística, así como canta información, documentación e axuda material precise para o adecuado cumprimento das súas funcións; e contribuír ao sostemento económico da Axencia nos termos que establece o convenio de adhesión.