23 septiembre 2009

La Xunta de Feijóo ya promueve catálogos de mariposas en las islas Atlánticas

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Consellería do Medio Rural promoveu a elaboración do primeiro catálogo de bolboretas diúrnas do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Este inventario inclúe un total de 37 especies de lepidópteros diúrnos (bolboretas), a partir dos traballos de mostreo que se estiveron facendo durante os anos 2006, 2007 e 2008. Un estudo realizado polo profesor Pablo Cobos e outros colaboradores. Dito catálogo recolle as principais especies presentes no Parque Nacional, composto polos arquipélagos das Illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada, a existencia de taxones protexidos ou vulnerables e a posibilidade de futuros traballos de carácter máis específico. Con esta iniciativa logrouse confeccionar unha colección entomolóxica de lepidópteros preparados e etiquetados para o uso de investigadores. Tamén se contribuíu ao estudo da biodiversidade deste grupo de insectos e posibles pautas de xestión para a correcta conservación dalgunhas destas especies.

Os resultados obtidos foron bastante uniformes, sendo Ons a illa con máis capturas e Cíes a que presenta maior número de especies diferentes (27 dun total de 37). Cortegada é a illa que presenta maiores diferenzas e na que aparecen máis especies exclusivas, 5, e menos especies comúns.

Familias máis comúns
En xeral, obsérvase que os Pieridae e os Satiridae son as familias máis comúns e, polo tanto, con maior número de capturas. Os Lycenidae presentan tamén un gran número de especies diferentes, incluso superior, pero menor cantidade de individuos, polo que se deduce que son menos comúns. As especies Callophrys rubi, considerada como rara, e Polyommatus icarus, catalogada como escasa nun estudo realizado no ano 1985, foron localizadas en tódolos arquipélagos salvo en Cíes, ambas como especies raras. Os Pseudophilotes baton foron capturados nas Cíes, Ons e Cortegada, destacando a súa presenza por tratarse dunha bolboreta que na Península Ibérica só se atopa no norte. O mesmo ocorre con Lycaena alciphron, atopada en Cíes, Sálvora e Ons, e que curiosamente é unha especie que soe vivir en hábitats de montaña. Non se rexistrou a presenza do Cacyreus marshalli, a bolboreta dos xeranios de orixe africana, pero pode deberse ao seu carácter migrador. Por último, a Inachis io é unha clase de bolboreta que se pode ver voar todo o ano e que, no estudo, se localizou en Cortegada, sempre na mesma zona con gran abundancia de ortigas, a súa planta nutricia.

O arquipélago de Cortegada é o que maior riqueza específica presenta, sendo, este valor, semellante en tódolos arquipélagos. Ons é a illa que mellores resultados obtén no índice de Shannon-Weaver, o que parece indicar que é a que presenta un mellor funcionamento e unha maior diversidade, obtendo as restantes resultados moi satisfactorios.