23 septiembre 2009

Quintana - Rosa- defiende el Plan Galego de Acuicultura

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Consellería do Mar quere pór en marcha “con total inmediatez” o Plan Galego de Acuicultura e sacarlo “da parada á que se veu sometioa”. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, considera que é preciso “tomar partido rápido” e “non perder máis tempo” para dar seguridade xurídica a un sector que a demanda e para non perder os 140.541.058,43 euros de fondos FEP 2007-2013 dos que no se executou nada durante os exercicios 2007 e 2008.

Por iso, explicou, “a Consellería xa puxo en marcha dende hai dúas semanas o cambio de réxime de acceso á propiedade e xa se estableceron pautas para desbloquear os investimentos”. A responsable do departamento de Mar dixo que “hoxe en día xa se pode investir en 19 localizacións, estando unha pendente da iniciativa administrativa de caducidade das autorizacións”.

Rosa Quintana explicou que este cambio de rumbo xurídico é a mellor proba da firmeza da iniciativa e a mellor garantía do aval da viabilidade, “xa que permite que as empresas teñan para si o solo preciso, sen que este acceso se vexa condicionado aos atrasos de concursos de concesións e demais procedementos a efectuar”.

Na súa comparecencia a petición propia ante o pleno do Parlamento de Galicia para informar das previsións de desenvolvemento dun marco xurídico e administrativo de viabilidade das actuacións e investimentos en materia de acuicultura en Galicia, Rosa Quintana recalcou que “hai que pensar en Galicia e no seu desenvolvemento”. A conselleira reiterou “a man tendida da Xunta ao sector”, apoio que pasa pola necesidade de acabar “cos titubeos e arbitrariedades” e pór en marcha “fórmulas xurídico-administrativas que dean firmeza e seguridade aos investimentos e certifiquen a propia viabilidade das actuacións”.

A titular de Mar destacou que “nun momento de crise onde as oportunidades se minoran e incluso desaparecen” faise imprescindible atopar saídas “a esta situación” e “aínda que non se dispón de todos os proxectos -xa que os seus promotores non os facilitaron todos- os postos a xerar serían 1.501 entre postos directos (654) e indirectos (847)”. Rosa Quintana asegurou que “non se trata dunha proposta baseada nun borrón e conta nova, senón na suma de melloras e na resta de trabas e barreiras” e engadiu que a Xunta traballa para que “a acuicultura avance e que Galicia o faga con ela”.

Rosa Quintana puntualizou que “as 22 zonas acollidas no plan que outorga viabilidade á acuicultura galega son establecidas en base ao seu respecto e seguranza no mantemento do equilibrio medioambiental, social e económico e son extraídas e refundidas dende as redaccións dos plans anteriores”.

Segundo adiantou a responsable de Mar, “este proceso incorporará en breve as modificacións sinaladas – en referencia á inclusión de Touriñán e Lires e a supresión de Laxe Brava, Seiruga, Xandriña e Merexo- contándose co prazo do 2010 para a realización deste procedemento, aínda que o documento que inicie este troco estará xa no presente ano”.

Por último, Rosa Quintana fixo fincapé no impulso e colaboración na investigación e o desenvolvemento tecnolóxico e biolóxico que se levará a cabo dende a Consellería neste campo. “Faise preciso, seguindo o consello de Europa, continuar na liña de aproveitar as sinerxías que o eido público e privado xeran no tinxite ao I+D+I, e neso imos traballar”, sentenciou.