10 septiembre 2009

Más buenas intenciones del Conselleiro de Cultura aprovechando una inauguración

-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, inaugurou hoxe na Casa das Artes de Vigo á exposición da vida e obra da artista galega Maruja Mallo. Na súa intervención, Roberto Varela, analizou a situación actual da cultura e da arte en Galicia e destacou a necesidade de “actuar con vigor, de xeito orixinal e activo, nos traballos de promoción e difusión” para “ir na procura do público, na busca dun retorno da inversión realizada en forma de visitantes.

O conselleiro de Cultura e Turismo, afirmou que “os nosos hábitos de consumo cultural están por debaixo do nivel da nosa produción” polo que cualificou de “imprescindible que a xente nova se eduque na contemplación, na análise e na crítica das diversas expresións artísticas e culturais”. Do mesmo xeito, Roberto Varela asegurou que o futuro das nosas industrias culturais está en “amosarlle o mundo a calidade dos nosos actores e axentes culturais e crear un mercado forte que demande e consuma cultura na nosa terra”. En opinión do titular de cultura, o futuro da economía do ocio e da cultura de Galicia depende de que “sexamos capaces de habituar a xente nova a formar parte activa da cultura e que podan entrar sen complexos nun cine, nun teatro, nun auditorio ou nun museo”.

Sobre a figura de Maruja Mallo, Roberto Varela, manifestou que foi unha “muller valente, porque había que selo, para formar parte da vangarda surrealista e acadar un lugar de honra dentro do que con probabilidade foi o ismo máis influinte e estruturado da modernidade”. Segundo o conselleiro, “as pinturas, debuxos e esbozos reflicten de xeito inmediato a talentosa forma de ser, sentir e expresarse de Maruja Mallo”. “Representa unha das máis orixinais traxectorias que concorren na pintura occidental do século XX”, destacou.

Política cultural
Na mesma liña, Roberto Varela, afirmou que “actualmente na política cultural galega é necesario ser valente e continuar a traballar con tesón e rigor nos grandes proxectos que nos farán mellores”. “Obras polémicas, rexeitadas ou vistas con desconfianza como a Cidade da Cultura, son obras que necesitan o consenso, a confianza, o pulo e a paixón de todo o sector cultural para saír adiante”, subliñou.

Para o conselleiro o compromiso da cidadanía é esencial xa que “a Cidade da Cultura é un proxecto de futuro só se conta coa sociedade galega apoiándoo”. “A nosa cultura e historia como país é grande grazas á suma de esforzos, e pode ser meirande se nos atrevemos a ser como debemos de ser, se nos dedicamos con paixón a fomentar, programar, xestionar e salvagardar a cultura de Galicia do século XX”, engadiu.

Exposición retrospectiva
No acto inaugural da mostra estiveron presentes ademais do conselleiro, o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o director xeral de Caixa Galicia, José Luís Méndez e o director de Proxectos da Sociedade Estatal de Conmemoracións Culturais, Xosé Luís García Canido. Está é a maior e exhaustiva retrospectiva de Maruja Mallo feita ata o momento, a que conta con 142 pezas, entre óleos debuxos, fotografías e documentación da época.

A Fundación Caixa Galicia en colaboración coa Sociedade Estatal de Conmemoraciones Culturales e co concello de Vigo, ofrecen unha oportunidade única de gozar dunha ampla escolma da xenial obra pictórica da artista viveirense. Os comisarios da exposición son Fernando Huici e Juan Pérez de Ayala, os que ordenaron en dez salas a totalidade da obra e vida desta artista da xeración do 27. A mostra estará aberta ao público ata o vindeiro 10 de xaneiro.