05 septiembre 2009

Mos leva invertido preto de 2 millóns de euros en saneamento no que vai de ano

MOS (MORRAZO-TRIBUNA).- A alcaldesa fixo hoxe balance das obras de instalación de alcantarillado público que se fixeron no municipio durante os últimos oito meses

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou onte xunto co concelleiro de Saneamento e Abastecemento, Ángel Pereira, as obras de acometida da rede de saneamento que se están a executar en Caamaña, parroquia de Tameiga.

A de Caamaña é tan só unha das 16 obras de saneamento proxectadas para o municipio mosense dende a chegada ó Concello, fai oito meses, do actual equipo de goberno local. Destas 16 obras, 13 están xa rematadas, unha –a de Caamaña- atópase en execución e as outras dous restantes están xa adxudicadas e a piques de comezar, segundo informou hoxe a rexedora municipal. De xeito que en breve iniciaranse os traballos nas zonas de Inxertado, parroquia de Louredo, e Zapateira, parroquia de Mos.

Arévalo deu conta esta mañá do listado das 16 obras realizadas nos lugares de Herville-Cela, Fontiña-Torroso, Cabaleiros-Mos, Gándara-Torroso, Gándara-Dornelas, Espaín-Mos, Pedrapinta-Mos, Caamaña-Tameiga, Inxertado-Louredo, Zapateira-Mos, Cantín-Mos, Sequeiros-Cela, Coto-Cela, Carballeira-Cela, Arrufana-Louredo e Arufe-Cela.

Nidia Arévalo fixo hoxe pública, ademais, a inversión total que supoñen estas 16 obras de instalación do sistema de saneamento que ascende a 1.783.646,46 euros, ou o que é o mesmo, preto de 300 millóns das antigas pesetas. Neste sentido a alcaldesa quixo destacar que “unha parte desta inversión sufragouse con fondos estatais pero outra parte, moi importante, asumiuse con fondos propios municipais procedentes do préstamo que tiña o Concello sen gastar e que a data de hoxe xa está totalmete esgotado”.