01 septiembre 2009

Nuevos tiempos para el sector de la pizarra

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O conselleíro de Economía e Industria, Javier Guerra, acompañado polo director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, o presidente da Asociación Galega de Pizarristas, Jesús Vidal, e o presidente da Asociación de Canteiras de Galicia, Marcelino Martínez, veñen de asinar hoxe un convenio en virtude do cal a Xunta subvencionará con preto de 600.000 euros o fomento da calidade e da competitividade dos seus produtos.

Javier Guerra recordou neste encontro cos representantes das asociacións da lousa e as canteiras que a Consellería de Economía e Industria vén impulsando especialmente a ordenación e o desenvolvemento dos sectores relacionados coa minería de rochas ornamentais, e apoiando con este tipo de accións o fomento, a investigación, a innovación tecnolóxica, a formación, o asesoramento e a promoción comercial neste eido.

En virtude deste convenio a Asociación Galega de Pizarristas levará a acabo accións de información entre profesionais relacionados coa súa actividade, como arquitectos ou aparelladores para que estes poidan recoñecer con exactitude as diferencias que existen entre os materiais que se ofrecen no mercado. De xeito que nas obras nas que se prescriba a utilización de lousa se empreguen realmente materiais que segundo as especificacións europeas poden ser calificados como a devandita lousa, e non outros produtos semellantes.

De xeito que un dos compromisos adquiridos neste acordo é a creación dunha marca de calidade e imaxe que levará por nome: “Lousa de Galicia-España” e poderá ir en tódalas etiquetas das empresas que pertenzan á Asociación Galega de Pizarristas (AGP).

Pola súa parte, a Asociación de Canteiras de Galicia (ACG) considera prioritario levar a cabo actuacións para mellorar o posicionamento do sector do granito, para o cal teñen plantexado na Consellería de Economía e Industria a necesidade de por en marcha un Plan Sectorial que dote ás empresas galegas das ferramentas axeitadas para mellorar a súa competitividade.

Ademais, a ACG tamén fará un estudo de posicionamento, imaxe e estratexia para establecer unha marca de calidade do produto e do sector que permita, entre outras cousas, fomentar aspectos técnicos como a correcta colocación do granito. Por último, os representantes das canteiras galegas tamén elaborarán un estudo de mercado para poder establecer unha estratexia de comunicación que terá como obxectivo a diferenciación de produtos.

Asemade, Guerra sinalou que a celebración deste convenio amosa a receptividade e o compromiso adquirido polo departamento que dirixe na tarefa de apoiar aos sectores que contribúan á dinamización da economía galega.

Para acadar estes obxectivos, o departamento de Economía e Industria da Xunta financiará os gastos que xeren as actividades que propoñen ambas asociacións co fin de mellorar a calidade dos seus produtos cun importe máximo de 568.000 euros.

Por outra banda, dende o departamento de Economía e Industria da Xunta considerase que cómpre coordinar e plantexar estratexias de desenvolvemento do sector nas que participen coordinadamente as empresas, as asociacións e as administracións, para que do esforzo conxunto xurda unha boa estratexia de cara a fomentar a calidade do produto galego.

De feito, tódalas partes que se teñen reunido hoxe para asinar este convenio saben da necesidade de promover a calidade das rochas ornamentais dunha maneira agrupada, razón pola cal este acordo acadou a firma das asociacións que representan ao sector.