01 septiembre 2009

Pesar por la asesinada de Toén

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-Alberto Núñez Feijóo expresou hoxe, en nome do Goberno galego e da sociedade galega “unha tristeza profunda, unha condena sentida e unha repulsa sen límites” polo asasinato da moza ourensá Laura Alonso. O titular da Xunta, que este mediodía presidiu en San Caetano unha concentración silenciosa en rexeitamento polo asasinato da moza de Toén, cualificou de “actuación irracional” o feito de “acabar coa vida dunha rapaza que estaba no seu mellor momento”.

“A Xunta quere expresar en nome do Goberno galego e en nome de Galicia a solidariedade coa familia, poñernos a disposición da familia de aquilo que solicite”, engadiu o mandatario galego quen tamén destacou o “excelente comportamento e a excelente reacción que está a ter o pobo de Toén”. “O municipio de Toén está a ter unha reacción que é un exemplo para toda Galicia e que é un exemplo para toda España. Un pobo desgarrado polos feitos producidos, un pobo onde vive a vítima e o presunto culpable, que está reaccionando dunha forma que como galego quero agradecerllo e sentirme orgulloso como un galego máis de como está reaccionando un pobo e unha familia cunha enorme enteireza”, afirmou.

Logo de manifestar a profunda consternación e tristeza e o rexeitamento do pobo galego ante este tipo de feitos, Alberto Núñez Feijóo destacou ademais que o Goberno que preside vai seguir traballando para “seguir implementando políticas de igualdade e facer todos os esforzos para que este tipo de cuestións non se produzan”. “Este tipo de actos páganse, non son gratis e o que faga unha cousa destas ten que comparecer diante da xustiza”, aseverou o titular da Xunta lembrando que en Galicia estes feitos son “excepcionais”, pero que nin sequera deberían ser excepcionais, xa que “deberían simplemente non existir”.