05 septiembre 2009

Santi Domínguez di que Vigo pedirá máis liñas porque ten o primeiro aeroporto de pasaxeiros por negocios

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo de Vigo, Santi Domínguez, salientou este venres que Vigo “reclamará máis” nas xuntanzas conxuntas previstas coa dirección xeral de Turismo da Xunta e as compañías. Respecto á reunión celebrada onte, e en resposta aos medios, o nacionalista sinalou que a Xunta “ten que dicir cantos cartos vai a investir no 2010 e cal é a súa idea do espazo aeroportuario galego”.

O tenente de alcalde criticou que aos responsables de Turismo participantes na reunión non se lles facilitara ningunha proposta “máis alá de datos que calquera pode baixar de internet”. Segundo Santi Domínguez, a Xunta ten que dicir “que pensa facer cos compromisos das cidades coas distintas compañías”. “Como imos negociar coas compañías se non sabemos cantos cartos vai a aportar a Xunta”, sinalou.

Santi Domínguez indicou que a pretensión da Xunta na convocatoria de onte era o enfrontamento “entre os representantes das tres cidades, cando o lóxico é a colaboración entre as tres cidades e a Xunta”. De cara as vindeiras xuntanzas, o tenente de alcalde indicou que Vigo “vai reclamar máis”, partindo da base de que se manteña o actual vóo a Londres coa compañía Vueling. “Peinador é o primeiro aeroporto de pasaxeiros por negocios polo que sentimos que máis que nunca hai que abrir novas rutas centroeuropeas e co sur”, neste sentido fixo referenza a Xerez e a potenciar os vóos estatais como Madrid e Barcelona.