25 octubre 2009

5.748 cursos de formación
impartirá la Xunta este año


Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- Preto de 85.000 persoas (desempregados e traballadores) benefícianse este ano dos planes de formación que oferta a Consellería de Traballo e Benestar. En total, impártense 5.748 cursos a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, unha actuación na que as arcas autonómicas investiron máis de 122 millóns de euros.


A área da Xunta oferta 1.356 cursos para persoas desempregadas nos que participan un total de 20.387 alumnos (5.995 en A Coruña, 3.420 en Lugo, 4.015 en Ourense e 6.957 en Pontevedra). Traballo e Benestar destinou a esta acción 75,7 millóns de euros, unha cifra á que hai que sumar os 46,3 millóns que se reservaron para os plans de formación dirixidos a traballadores ocupados.

Neste último ámbito, os beneficiarios son 64.235 alumnos: 25.693 en A Coruña, 7.667 en Lugo, 6.707 en Ourense e 24.168 en Pontevedra. Desta maneira, a provincia onde se imparten máis cursos é a pontevedresa (1.835) seguida da coruñesa (1.670), da lucense (481) e ourensá (406).

A directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz López, destacou tras facer un balance destes datos que investir en formación é investir en emprego, “xa que o obxectivo último dos plans é proporcionar aos traballadores a cualificación necesaria ao longo da súa vida laboral, mellorar a súa capacitación profesional e o seu desenvolvemento persoal”, destacou.

Explicou, neste senso, que a mellora da cualificación significa para as empresas unha maior flexibilidade e innovación e, en definitiva, a posibilidade de competir nun mundo cada vez máis aberto e tecnolóxico. “E desde o punto de vista dos traballadores e traballadoras un instrumento imprescindible para a súa promoción persoal e para a adaptación da súa cualificación aos cambios que se producen no mercado laboral”. En definitiva, Díaz López afirmou que os plans permiten un emprego estable e de calidade.

Os interesados en optar a estes plans da Xunta poden dirixirse aos servizos públicos de emprego que é onde se poñen en marcha estas accións de formación para o emprego. Esta actuación constitúe unha das políticas activas de maior entidade e se financia a través da achega dos propios traballadores e traballadoras á seguridade social.

Existen plans de formación de demanda e oferta. A primeira é a que solicitan as empresas e a de oferta é a que xestiona a propia administración autonómica, ben a través dos seus propios centros ou a través de entidades colaboradoras mediante distintas vías de actuación e subvención.

A Consellería de Traballo e Benestar leva a cabo cinco liñas fundamentais de plans de formación: accións dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas; o fondo social europeo de desempregados; o de traballadores ocupados; plans de formación dirixidos a ocupados e, por último, accións complementarias e de acompañamento á formación.

Plans de formación sectoriais
Precisamente, o Consello da Xunta aprobou esta semana a orde pola que se convocarán as subvencións para os plans de formación sectoriais, dirixidos prioritariamente a traballadores ocupados. O número aproximado de persoas que se beneficiarán desta iniciativa é de 20.000.

O obxectivo deste proxecto é proporcionar ás persoas traballadoras a formación que poidan necesitar ao longo da súa vida laboral, co fin de que obteñan os coñecementos e prácticas adecuados aos requerimentos de produtividade e competitividade das empresas, e que sexan axeitados tamén ás aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal dos traballadores.

Para poñer en marcha estes plans de formación, a Consellería de Traballo e Benestar achega un financiamento por importe de 11,6 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e pola Administración Xeral do Estado.

Os participantes nestes cursos de formación poderán percibir distintas modalidades de bolsas e axudas, para o transporte, a manutención e o aloxamento, sempre que cumpran os requisitos marcados pola orde. Tamén se recollen axudas á conciliación, no caso das persoas desempregadas que teñen que conciliar a súa asistencia á formación co coidado de fillos menores de 6 anos ou de familiares dependentes ata segundo grao.

A execución dos plans de formación irán desde o día 1 de setembro de 2009 ata o 31 de agosto de 2010. Polo que se refire ás accións formativas, estas non poderán ter unha duración inferior a 10 horas nin superior a 270, salvo que haxa unha autorización expresa da Dirección Xeral de Formación e Colocación. En todo caso, a duración non será superior ás 8 horas diarias. As modalidades poderán ser presenciais, distancia convencional, teleformación ou mixtas