29 octubre 2009

Fallados los premios "Valle Inclán"

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .-  Os traballos «Ramón del Valle-Inclán: Luces de Bohemia, una revolución dramática con una carta autógrafa inédita de C. Rivas Cherif» de Jean Marie Lavaud e «Josefina Blanco y Ramón del Valle-Inclán: Pedestal de los sueños» de Antonio Deaño Gamallo e Jesús Rubio Jiménez foron os traballos gañadores ex aequo do Premio de Investigación Valle Inclán convocado pola Deputación Provincial e o Concello de Vilanova dotado con 20.000 euros e que será divulgado a través da súa publicación, que suporá un premio de 10.000 euros para os autores de cada traballo.


Con esta iniciativa os expertos pretenderon premiar as ideas innovadoras, orixinais e novidosas no trato da temática. Do mesmo xeito, acordaron por unanimidade salientar a altísima calidade de todos os traballos presentados a esta edición do “Premio Valle-Inclán”. Sobre este aspecto, o vicepresidente, José Juan Durán destacou que “o nivel de calidade das obras presentadas na presente edición, no seu conxunto, foi un dos máis importante dos últimos anos”.
Así mesmo e dado que o xurado apreciou aspectos e ideas innovadoras, orixinais e novidosas no trato da temática, acordou por unanimidade conceder un  accésit por importe de 4.000 euros ó traballo  titulado “Valle-Inclán, Catedrático de Estética  (1916-1919)” presentado por Jesús Mª Monge López.
O xurado cualificador do Premio Valle Inclán estivo conformado por José Juan Durán Hermida,  vicepresidente e presidente da Comisión de Cultura, e os vogais:  Víctor Fernández Freixanes, representante do Consello da Cultura Galega,  José Antonio Ponte Far, representante da Fundación Valle-Inclán,  Alfonso Zulueta De Haz, vicepresidente da Fundación Penzol, Francisco López Rodríguez, representante da Consellería de Cultura e Turismo, Xosé Carlos Valle Pérez, director do Museo de Pontevedra,  Benito Leiro Conde, periodista, e Mercedes Costas Fernández, representante do Servizo de Cultura. Actuando como secretario Antonio Santos Guerra, xefe do Servizo de Cultura e Deportes desta Deputación.
Historia do premio
O premio Valle-Inclán foi constituído no ano 2004 co obxecto de difundir e promover a vida e obra do autor de «Luces de Bohemia» e para afondar, a través de estudos rigorosos e de prestixio académico, en distintos aspectos da súa biografía e traballo literario.
O Gañador da primeira edición foi o profesor da Universidade de Miño, Xaquín Núñez Sabarís co traballo «Valle Inclán en el fin de siglo. Estudio crítico de Femeninas». No 2005 o galardón recaeu en Euloxio R. Ruibal polo estudo «Valle Inclán e o teatro galego».
No 2006 gañaron ex aequo ó profesor da Universidade de Santiago, Anxo Abuín co estudo «La palabra en los ojos o el alfabeto en movimiento: una aproximación a la dramaturgia de Valle Inclán desde la estética del silencio» e a especialista no teatro valleinclaniano, a investigadora francesa Elianne Lavaud-Fage con «Valle Inclán, ¿un sistema literario?».
En 2007, o premio declarouse deserto. En 2008, «Todo Valle-Inclán en Roma» do Grupo de Investigación Cátedra Valle-Inclán da USC foi o traballo gañador.
A entrega do premio realizarase no mes de novembro, nunha data que se determinará proximamente.