29 octubre 2009

Los presupuestos que maneja la Consellería de Cultura de la Xunta para 2010

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .-O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou hoxe no Parlamento os orzamentos para o 2010, que o seu departamento “adecuará de cara ao novo exercicio á realidade económica actual asumindo os axustes necesarios a través da racionalización do gasto”. Como eixes centrais dos presupostos, Roberto Varela sinalou que o Goberno galego “pese á conxuntura económica actual, aposta polo fortalecemento do sector turístico e o apoio ao sector da Cultura de Galicia”




O responsable da Consellería de Cultura e Turismo adiantou as liñas estratéxicas destes orzamentos: a defensa da idea dunha Galicia aberta ao mundo, a creación de emprego e da xeración de ingresos a través da innovación, a racionalización do gasto, a  transparencia, a austeridade máis a defensa da pluralidade cultural galega, e por último. a defensa da nosa lingua como vehículo principal de expresión e comunicación do noso talento e da nosa identidade cultural. Uns principios básicos que, “a diferenza dos orzamentos de 2009, non se fixeron lonxe da realidade e sen ter o respaldo de ingresos imprescindible para poder executalos”, engadiu.


Roberto Varela, propuxo equidade na dotación de importancia ao Turismo e á Cultura xa que “ninguén ten dúbidas da importancia do Turismo na actividade económica tanto polo seu peso no PIB como pola porcentaxe que representa no empregou na recadación de impostos pero que debemos ser capaces tamén de explicar as posibilidades que ten a Cultura como factor dinamizador e a importancia das industrias culturais neste senso”. O fin último é que “Galicia saia da recesión e volva ter crecemento”, afirmou.


Análise orzamentaria
O conselleiro apuntou tamén que para o exercicio 2010 o orzamento consolidado que se dedicará a Cultura e Turismo acadará os 239 millóns de euros, e nunha básica distribución funcional destes orzamentos de cada 100 euros, 59,51 se destinarán a gastos en materia de Cultura e 40,49 euros se destinarán a programas de Turismo. No detalle individual, o orzamento da Consellería de Cultura e Turismo acada preto dos 196 millóns de euros, no que o programa para “Coordinación e promoción do Turismo” percibirá o maior peso da Consellería acadando 79 millóns de euros (o que representa o 40,4% do total) mentres que os programas de “Creación, promoción e difusión cultural e infraestruturas culturais” beneficiarase de máis de 56 millóns (o que supón o 28,6% dos orzamentos).


Programas de coordinación e promoción do Turismo
Tocante ao sector turístico, Roberto Varela comunicou que o seu departamento dedicará no 2010 o 40,4% dos seus recursos, máis de 79 millóns de euros aos programas de coordinación e promoción do Turismo, o que supón un 0.83% máis que a inversión do exercicio anterior.


O conselleiro remarcou a importancia do Plano de Acción de Turismo de Galicia, que se ten elaborado pola Consellería e constitúe o instrumento básico de planificación do sector. O Plano que suporá un importe de 8 millóns de euros adicionais aos orzamentos turísticos durante a actual lexislatura, terá como principais obxectivos, segundo o conselleiro, “aumentar a estancia media,  aumentar o gasto medio diario,  desestacionalizar a demanda  e facer do turismo un factor de reequilibrio territorial”.


O Plano de Acción de Turismo de Galicia enarbórase a través de 80 liñas de actuación agrupadas catro políticas. As Políticas de ordenación posuirán estratexias de planificación, (plans de excelencia, dinamización e competitividade), estratexias de coordinación que revisarán a lexislación turística; estratexias de mellora das infraestruturas e estratexias de información.As Políticas de desenvolvemento sectorial contarán con estratexias de formación turística, estratexias de asociacionismo, estratexias de accesibilidade, eliminando barreiras, e estratexias de incentivos. As Políticas de produtos prestaranlle atención aos novos produtos, aos produtos tradicionais e ás ofertas mixtas todo elo supeditado ao estrito sistema de calidade turística. Finalmente, en 4º lugar contémplase as Políticas de Marketing, nas que se atopan as estratexias de promoción, estratexias de comercialización e estratexias de competitividade.


Turgalicia
A Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia (Turgalicia), adicará boa parte dos seus orzamentos do ano 2010 a manter e incrementar o número de turistas que visitan Galicia tendo en conta os obxectivos do Plan de Acción do Turismo de Galicia (realización de campañas publicitarias con compañías aéreas de baixo custe para a promoción turística de Galicia e especialmente de Santiago de Compostela cun importe de 2 millóns de euros e unha forte promoción turística sobre os destinos emisores cunha achega de un millón de euros; a realización dunha acción de promoción sobre Xacobeo e o Camiño de Santiago e Galicia e a dotación de puntos de información turística itinerante en Santiago de Compostela). No referente a Turismo, o Instituto de Estudos Turísticos de Galicia tamén se está a desenvolver unha nova estratexia centrada na medición do turismo en Galicia e o seu impacto na economía, o fomento da investigación, a innovación e desenvolvemento tecnolóxico en turismo e o desenvolvemento de programas de formación.


Xacobeo 2010
A Sociedade de xestión do Plan Xacobeo, contará con un orzamento inicial de 43,1 millóns de euros, cerca do 60% máis que no exercicio anterior, e que poderá aumentar incrementando as apartacións por patrocinios e vendas durante o exercicio. Un orzamento co que traballará na construción de novos albergues e na reforma dos actuais, na execución do Plan corrector do Camiño, na realización de distintas campañas de promoción do Xacobeo e na organización da programación cultural do Xacobeo.


Roberto Varela volveu a lembrar o valor do Xacobeo como “a mellor carta de presentación de Galicia no mundo a nivel turístico e cultural” e solicitou aos cidadáns o traballo conxunto para “impulsar unha visión de Galicia aberta ao mundo e que faga de nosa terra un verdadeiro centro de atracción”.


Doutra banda, o conselleiro rexeitou calquera irregularidade na contratación da nova web do Xacobeo. Varela explicou que a páxina blog.xacobeo.es non é a web oficial e definitiva da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo senón que se trata dun portal de blogs deseñado e desenvolvido de xeito interno por persoal do Xacobeo, que non supuxo ningún custo adicional para a Consellería. O portal funciona como transición da web antiga á web que será o esparate do Xacobeo 2010. Neste proceso non houbo ningunha contratación externa e a resolución do concurso para o contrato de desenvolvemento e mantemento da web da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo fíxose con total transparencia e publicidade.


Promoción e difusión da Cultura
Roberto Varela, propuxo como primeira medida para a mobilización de tódolos sectores implicados no sector da edición, a declaración do ano 2010 como Ano da Lectura en Galicia. Para o desenvolvemento deste programa, á Consellería contará no 2010 con un orzamento de 2.850.000 euros para a promoción da lectura e do libro, así como 1.593.000 euros para á promoción da edición do libro en galego.


Asemade, contarase tamén no 2010 cun orzamento de 3.630.000 euros para adquisición e equipamentos da Rede de Bibliotecas de Galicia e cunha dotación de 3.819.000 euros para a promoción e organización de circuítos culturais.


Roberto Varela fixo unha especial mención para a dotación prevista para o Centro Galego de Arte Contemporánea que contará con un orzamento inicial de 4.328.000 euros para a elaboración dunha programación fundamentada “na súa identidade, na súa estratexia, na súa estrutura e na súa programación”, expuxo.


AGADIC
Roberto Varela dedicou o terceiro punto do seu discurso á Axencia Galega das Industrias Culturais que, para o ano 2010, contará cun orzamento de 14,3 millóns de €. O responsable da Consellería de Cultura e Turismo sinalou ao “impulso á actividade empresarial  fortalecendo o tecido empresarial a través da promoción das empresas galegas e a captación de investimentos” como unha das sete prioridades dos orzamentos galegos.


A Consellería, cunha dotación inicial no próximo exercicio de 7.296.000 € para axudas á produción artística, un 10,21 % máis que no 2009, terá o obxectivo de impulsar a creación e o desenvolvemento de empresas de bens e servizos culturais, a promoción da comercialización destes bens dentro e fora de Galicia, o estímulo á creación e ó talento dos nosos artistas e a distribución dos produtos que contribúan a difundir a lingua e a cultura galega.


Para o exercicio 2010, Roberto Varela esgrimiu as pretensións de, optimizar o sistema de resolución das axudas ás Artes Escénicas, a conversión do Centro Dramático Galego e o Centro Coreográfico Galego en centros de referencia, na continuación da celebración da Feira das Artes Escénicas e a necesidade de potenciar un sistema de intercambio artístico con outras  rexións (Cataluña, Portugal, Reino Unido e Brasil). O conselleiro fixo fincapé no desenrolo do proxecto Creativa, que porá en marcha a colaboración entre Portugal e Galicia cunha inversión galega de 800.000 euros.


Protección e promoción do Patrimonio histórico, artístico e cultural
Roberto Varela non deixou de lado ao Patrimonio Galego e subliñou que “a riqueza patrimonial de Galicia constitúe un dos seus activos máis salientables, e as políticas da Consellería xirarán en torno á súa protección, á súa conservación e restauración e á súa difusión”. Nos orzamentos para o exercicio  2010 dedicaranse 9.949.000 euros en investimentos no patrimonio cultural, un 8,2% máis que no orzamento inicial do 2009, e 970.000 euros en axudas para a protección e intervención no patrimonio, un 33,75% máis que no 2009.


Dentro das actuacións neste campo o conselleiro de Cultura e Turismo salientou o Plan de intervencións que inclúe restauracións e posta en valor dos Camiños de Santiago e a muralla de Lugo, catedrais galegas, mosteiros, patrimonio arqueolóxico e outros bens patrimoniais.


Sociedades públicas
O último punto abordado polo conselleiro de Cultura e Turismo na súa comparecencia parlamentaria foron os orzamentos das sociedades públicas galegas, dependentes da Consellería de Cultura e Turismo.


A Fundación Cidade da Cultura de Galicia, para o ano 2010, fixa como o seu obxectivo fundamental a posta en funcionamento dos edificios máis adiantados na súa execución e dotar á mesma da adecuada proxección pública. As tarefas máis a curto prazo serán avanzar na execución das obras e equipamento dos edificios, posta en funcionamento e apertura ao público e potenciar o carácter integrador para toda a Comunidade Autónoma da Cidade da Cultura.


A Fundación Illa de San Simón e o Instituto de Estudos Turísticos de Galicia, pese a estar constituídas no ano 2007, é a primeira vez que se presentan integradas nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.