28 octubre 2009

Los lentos pasos del teatrillo de la comunidad de trabajo Galiza-Norte de Portugal satisfacen a la pobre clase política galaica

-
Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- A Comunidade de Traballo Galicia- Norte de Portugal celebrou hoxe unha xuntanza en Oporto, na que os seus responsables acordaron poñer a funcionar dunha vez a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT), que terá a súa sede en Vigo e que será o brazo executor das políticas concretas que se definan no marco da Comunidade de Traballo.
Nos vindeiros días procederase ao nomeamento dos cargos directivos da AECT e dos membros da súa asemblea, coa intención de que poida comezar a funcionar de xeito efectivo no inicio do vindeiro ano. Así se estimou hoxe na reunión da Comunidade de Traballo, que estivo presidida polo director xeral de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo, e pola vicepresidenta da Comissao de Coperaçao e Desenvolvemento Regional da Regiao Norte de Portugal, Ana Teresa Lehmann.


A AECT Galicia- Norte de Portugal identificará proxectos estructurais para a rexión, contribuirá á execución de proxectos cofinanciados pola Unión Europea e impulsará tódalas iniciativas que contribúan a consolidar a Eurorrexión. A Comunidade de Traballo ten xa comprometido un cofinanciamento europeo para que a AECT poda encetar os seus traballos.

Na reunión da Comunidade de Traballo tamén se acordou preparar os proxectos da vindeira convocatoria de fondos comunitarios do programa operativo de cooperación transfronteirizo España- Portugal. Os proxectos abranguen eidos de actuación como a mellora das infraestructuras de transporte e de comunicación; a ordenación urbana e territorial; o desenvolvemento rural; os espazos naturais e a sustentabilidade ambiental; a eficiencia enerxética e as enerxías renovables; o desenvolvemento tecnolóxico; o patrimonio histórico e etnográfico; o turismo; a integración xuvenil; o desenvolvemento empresarial e o emprego; ou a integración social e sanitaria.

Outro dos acordos acadados no encontro foi impulsar a realización de actividades que redunden en beneficio da cidadanía e das empresas galegas e portuguesas, como a posta en marcha dun observatorio transfronteirizo que xere información estatística actualizada de Galicia e do Norte de Portugal; a creación de clústers transfronteirizos no sector téxtil e no do automóbil; e a xestión conxunta da Reserva da Biosfera Gerês-Xurés.

Cooperación en fronteira
Así mesmo, a Comunidade de Traballo potenciará iniciativas de utilización conxunta de equipamentos culturais, educativos, deportivos, sanitarios, de transporte e outras infraestructuras públicas que teñen unha grande transcendencia e utilidade na vida práctica da cidadanía da fronteira. Nese senso, no vindeiro mes de novembro reunirase ao grupo da Eurocidade Chaves-Verín e convocaranse as Comisión Territoriais de Cooperación.

Finalmente, tamén se comprometeu a cobertura e apoio institucional por parte da Comunidade de Traballo ás iniciativas de relación empresarial que no eido de cooperación transfronteiriza está a desenvolver a iniciativa privada, tanto en Galicia como no Norte de Portugal.