24 octubre 2009

Aumenta el presupuesto
de la Consellería de Traballo


Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- O orzamento para 2010 da Consellería de Traballo e Benestar incrementarase en 49 millóns de euros, con respecto á cantidade destinada ás extintas áreas de Vicepresidencia e da Consellería de Traballo no exercicio anterior. Con este aumento, a cantidade total da que disporá o departamento autonómico superará os mil millóns de euros.



Así o expuxo hoxe en rolda de prensa a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, quen destacou esta suba no orzamento teña lugar a pesares do “contexto restritivo”, polo que eloxiou o “gran esforzo” que isto supón para o Goberno galego. Nesta mesma liña, concretou que, en termos relativos, este incremento é do 5,16 por cento.

“Sete de cada dez euros irán destinados a gasto social”, sinalou a titular do departamento autonómico, que aproveitou para citar as liñas xerais que marcan estas contas: o cumprimento da palabra do Presidente da Xunta; a aposta polo investimento produtivo e por reducir as inversións que non son eficaces; e o aforro en publicidade, gastos superfluos e gastos correntes”. “Apostamos por optimizar ao máximo a eficacia de cada euro público”, concluíu Mato.

O obxectivo “é que cada euro que se gaste sexa produtivo, que cada partida teña un fin social”.

Con respecto as áreas que dirixe, destacou que as prioridades pasan por atender aos máis necesitados e afectados pola crise, e por sentar as bases dunha recuperación “sostible e sostida” para 2010. En resumo, os obxectivos son acadar “uns servizos sociais próximos e eficientes, e unha mellora da situación do mercado laboral”.

Área de benestar
Máis polo miúdo, Mato detallou os orzamentos de 2010 nas distintas áreas. No que respecta a benestar, destacou especialmente o importante aumento en dependencia, que cifrou en 74 millóns máis que o ano pasado, o que fai un total de máis de 230 millóns.

En concreto, explicou que este incremento é do 45 por cento no que se refire á dotación para residencias, axuda no fogar, centros de día e libranzas do coidador. Neste sentido, destacou que se incrementan en 2.000 as prazas para residencias (990), centros de día (835), e centros de alzheimer (240). Ademais, mellórase tamén a cobertura da discapacidade, con 336 prazas novas.

A conselleira sinalou tamén que se manterán as axudas para a promoción da autonomía persoal, e que se mellorarán os servizos de mobilidade e transporte adaptado. Deste xeito, todas as medidas serán coordinadas polo Consello Galego da Dependencia, que creará o Goberno autonómico.

Mato adiantou que se desenvolverá un Plan integral de apoio ás familias, e que os recursos destinados a prestar servizos ás familias, infancia e persoas dependentes incrementaranse en 48 millóns de euros.

En concreto, serán 44 millóns para os servizos de familia e infancia, grazas aos que se crearán, por exemplo, 885 prazas en escolas infantís.

A conselleira declarou, neste eido, que o Plan Concertado –que ten como obxectivo mellorar o mantemento dos servizos sociais básicos dos concellos- está garantido. O investimento neste ferramenta será de preto de 49 millóns de euros (este ano xa se ten incrementado o seu orzamento), e a súa principal suba será na axuda no fogar para dependentes, cun aumento do 48,5 por cento.

Por outra banda, tamén se garanten as rendas de integración social (RISGA) con 22,7 millóns e as de emerxencia social, 2,9 millóns.

Con todas estas accións, estímase a creación de 3.300 postos de traballo no eido social. En referencia a este dato, a conselleira aproveitou para poñer en valor “a repercusión que as boas políticas dunha área teñen na outra. Insistimos sempre en que a mellor política social é o emprego”.

En Xuventude, Mato puxo de relevancia o orzamento de 1,5 millóns destinados a iniciativas xuvenís postas en marcha pola propia mocidade. Tamén se incrementa nun 50 por cento a liña de subvencións para os gastos de funcionamento das asociacións xuvenís.

A conselleira tamén lembrou que se creará o Instituto da Xuventude de Galicia, INXUGA, que será unha das novas liñas de acción desta área en concreto, que tamén porá en marcha a creación da rede de corresponsais en centros educativos, o Plan galego de mobilidade nacional e internacional e a creación da marca xuvenil de calidade da Xunta de Galicia, entre outras políticas de actuación.

Área de traballo
Durante a súa intervención, Mato fixo fincapé en que estes orzamentos están deseñados para a recuperación do mercado laboral, “non de forma coxuntural, senón para empezar unha nova dinámica sostible no tempo. A meta é clara: a recuperación do emprego”, aseverou.

Como ferramenta principal para acadar este obxectivo da recuperación do emprego, Mato citou a posta en marcha do Plan autonómico do emprego 2010-2013, que estará dotado con 336,5 millóns de euros. Nel, incluiranse plans específicos para sectores especialmente necesitados de apoio. Isto é, haberá un plan de emprego xuvenil, feminino, para o autónomo e para colectivos desfavorecidos e en risco de exclusión.

Deste xeito, garantirase o financiamento dos programas de cooperación coas entidades locais e institucións sen ánimo de lucro, e o fomento da contratación por conta allea. Tamén se manteñen os programas mixtos de formación-emprego (escolas obradoiro, obradoiros de emprego...), os programas de formación para ocupados e desempregados, e as axudas en materia de relacións laborais e cooperativismo.

Os orzamentos tamén reservan unha partida de 7,4 millóns de euros para a modernización do servizo público do emprego e de 122,1 millóns para as accións de mellora da empregabilidade. Ademais, adicaranse 74,5 millóns para a integración laboral de colectivos desfavorecidos, discapacitados e en risco de exclusión.

Nas mesmas liñas de actuación, a formación profesional de desempregados e a mellora da cualificación contará con 95,8 millóns, entre outras partidas. Tamén se creará o Observatorio galego de igualdade de oportunidades no emprego e se impulsará o observatorio galego de riscos laborais.

Con todas estas medidas, beneficiaranse preto de de 8.700 empresas e máis de 140.000 galegos e galegas.