24 octubre 2009

O BNG di que a Xunta incumpre
os seus compromisos con Ponteareas


Ponteareas (MORRAZO-TRIBUNA) .- 
O BNG de Ponteareas, a través do seu Portavoz Municipal, Xosé Represas, lamentou a “ausencia total de investimentos da Xunta en Ponteareas para o ano 2010 e o incumprimento dos compromisos que o anterior goberno bipartito tiña formalizados coa nosa localidade”.


Segundo Represas, “asuntos tan importantes como o parque empresarial, a vivenda protexida no Paseo Matutino ou novos equipamentos sociais e culturais comprometidos polo anterior goberno e que xa estaban en marcha, paralízanse e incluso se abandonan agora co novo goberno de Núñez Feijoo”.


En opinión do portavoz nacionalista “as declaracións do alcalde González Solla anunciando que vai esixir da Xunta outro trato para Ponteareas, son unha demostración incuestionábel de que efectivamente o goberno galego do Partido Popular volve novamente a esquecer a Ponteareas”.


Nese sentido, Xosé Represas animou a Solla “a exercer como alcalde de Ponteareas, sen plegarse a directrices de partido, e polo tanto a esixir que a Xunta cumpra co noso Concello os compromisos asinados e incluso postos en marcha polo goberno bipartito”: Represas adiantou que “se o alcalde exerce ese papel e busca o consenso connosco para reclamar o que a Ponteareas lle corresponde poderá contar co apoio do BNG na defensa dos intereses dos veciños e veciñas de Ponteareas”.