26 octubre 2009

Máis polémicas : Carme Adán denuncia
que os orzamentos para normalización lingüística “sofren o maior recorte de toda a Xunta de Galiza”


Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- A portavoz de Educación do BNG no Parlamento Galego, Carme Adán, cualificou de “antisociais” os orzamentos da Consellaría de Educación para 2010 e denunciou que “por primeira vez na historia da Xunta de Galiza  baixan os orzamentos para o ensino público”.
Carme Adán advertiu de que “con estas contas -que se debateron esta tarde na Comisión de Educación do Parlamento Galego- vai ser moi difícil que Galiza converxa en educación con Europa”. 


“Os investimentos en Educación son dos que máis baixan de toda a Xunta de Galiza”


A deputada nacionalista lembrou que “a Consellaría de Educación é que experimentoa unha das maiores reduccións no investimento, unha 15%, fronte á media da Xunta de Galiza do 11%”. 


En canto ás partidas concretas, Carme Adán criticou a baixada nun 20% dos orzamentos adicados á gratuidade dos libros de texto; a reducción até nun 25% nas partidas para formación do profesorado; a desaparición das axudas aos movementos de renovación pedagóxica,  ou para a mellora da calidade educativa nos centros escolares. 


Asimesmo, denunciou que “as partidas destinadas á formación infantil en infantil e primaria baixan un 1% na educación pública, menstres que para o ensino concertado destinan un millón máis”. 


Drástico recorte nas partidas para as universidades


No tocante ás partidas adicadas ás universidades, denunciou que o Goberno do Partido Popular “practica unha drástica rebaixa”. Así, advertiu de que “somentes no programa adicado a ensinanzas universitarias o orzamento redúcese un 6,08%”.  


En canto á Formación Profesional denunciou que “as axudas para proxectos de innovación mesmo se reducen á metade”. Asemade, denunciou un “un recorte na I+D+i universitaria de 8 millóns de euros, un 5,65% menos”. 


Os orzamentos para normalización lingüística, a partida que máis se recorta


Por último, a deputada do BNG censurou que “a Secretaría Xeral de Política Lingüística sexa o departamento da Xunta de Galiza que sofre o maior recorte: un 20%”. En concreto, as axudas a campañas de normalización recórtanse un 36%; as axudas para estudos e traballos de investigación un 27%; “e para a Rede Local de Normalización Lingüística, o gran proxecto que queren poñer en marcha, só adican 20.000 €”. 


Por último, cualificou de “broma de mal gusto do Goberno do PP que a única partida para a lingua galega que incrementan é a para leitorados e centros de estudos galegos no exterior, que sobe un 14%”. 


Comisión de Industria


Por outra parte, o portavoz de Economía do g.p do BNG, Fernando Blanco, acusou ao conselleiro de Industria, Javier Guerra, de facer unha presentación das súas partidas orzamentarias “para fóra”, “en busca dun titular”, non para os membros da Cámara que, ao contrastar cos dados, “vemos que na súa intervención só hai vaguedades”.


Blanco reiterou que se trata duns orzamentos “cativos” que non serven para dar resposta á crise e que, como xa ven acontecendo en case todas as seccións, se basean en grandes “declaracións” que logo non teñen correspondencia cos números e puxo como exemplo onde están as partidas para os plans Impulsa Lugo e Ourense.


O deputado nacionalista advertiu de que Galiza ten un défice de infraestructuras enerxéticas que cos orzamentos presentados non se vai poder superar, pois hai unha “rebaixa en todo”: en millora das redes de electrificación, de gasificación, baixa o plan de carbón e a competitividade das empresas, desaparece o estudo da silicose e tamén se reduce o investimento en I+D+I.


Neste sentido, lembrou que na pasada lexislatura o que había que facer era crear un Plan Galego de I+D+I, que se fixo co acordo de todos e co que se estaba chegando aos obxectivos aprobados e comprometidos na Cámara, polo que considerou un retroceso as cifras expostas polo conselleiro.


Sobre comercio, Fernando Blanco asegurou que non hai unha aposta clara polo seu desenvolvemento, preguntouse, por exemplo, onde está a Escola de Comercio que reclamaban cando eran oposición e concluiu que as “súas emendas na pasada lexislatura, como agora os orzamentos como goberno, demostran ser un bride ao sol”.