27 octubre 2009

Xornalistas chegados dende diferentes puntos de Galicia e España visitaron o Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo

-
Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- Un grupo de xornalistas chegados dende diferentes puntos de Galicia e España visitaron hoxe o Centro Tecnolóxico do Mar en Vigo, unha actividade enmarcada no programa das “Xornadas Achegamento Acuicultura Sostible Medios de Comunicación”. Trátase dunha iniciativa promovida pola Fundación Observatorio Español de Acuicultura, institución que ten entre as súas liñas de traballo o achegar o sector acuícola á sociedade, neste caso a través dos representantes da prensa.


A directora da Fundación CETMAR, Paloma Rueda Crespo, recibiu aos visitantes, que acudiron acompañados polo xerente da Fundación OESA, Francisco Javier Remiro Perlado, e polo xerente da Organización de Productores de Cultivos Mariños –APROMAR-, Javier Ojeda Parada. Rueda Crespo falou aos presentes da labor do Centro e do seu cometido, así como  dos traballos que desenvolven as diferentes áreas nas que se estrutura. Pola súa banda, María Armesto, da área de Socioeconomía da Pesca, informou dos proxectos que en materia de acuicultura están levándose a cabo coa participación de CETMAR e, en moitos casos, con financiamento da Consellería do Mar.

As xornada promovidas pola Fundación OESA inclúen visitas a outros centros de investigación, como é o caso do Instituto Oceanográfico de Vigo ou do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC, así como a bateas e a instalacións galegas de crianza de rodaballo e doutras especies.