29 octubre 2009

La Xunta quiere aprovechar que España presidirá Europa desde enero, para pasarle la boina a ZP

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- O director xeral de relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, defendeu esta mañá os obxectivos “ambiciosos, responsables e realistas” da Xunta de Galicia de cara a presidencia española da Unión Europea no primeiro semestre de 2010.  Así o fixo na Comisión Permanente non Lexislativa para Asuntos Europeos do Parlamento galego, na cal aproveitou para destacar a boa acollida do Goberno ás propostas galegas entregadas polo presidente da Xunta ao Secretario de Estado para a UE, Diego López Garrido, o pasado 26 de agosto.


Gamallo destacou que as prioridades galegas de cara a presidencia española son froito dunha profunda reflexión e traballo entre todas as consellerías da Xunta de Galicia e dun diálogo “permanente e aberto”, con contactos en Madrid e Bruxelas. Neste sentido, lembrou que a última manifestación desta actitude dialogante tivo lugar o día de onte na 53ª xuntanza do Pleno da Conferencia para Asuntos Relacionados coas Comunidades Europeas (CARCE), na que Galicia foi gabada, xunto a Canarias e Cataluña, por ser unha das únicas comunidades autónomas, que achegou ao Goberno unha achega documental seria e con propostas definidas.

Así, o encargado das relacións coa UE explicou que este documento achegado ao Estado estruturase nun bloque dedicado a aspectos institucionais, outro relativo a obxectivos de actuación e un terceiro sobre distintas reunións en Galicia a iniciativa do Goberno galego. No primeiro destes bloques, Gamallo destacou a boa acollida do Goberno da proposta galega de que os parlamentos autonómicos poidan controlar a normativa europea a través dun sistema de alerta temperá que verifique o cumprimento do principio de subsidiaridade nas iniciativas lexislativas das institucións comunitarias.

Ademais, no relativo ás políticas de cohesión tamén lembrou a petición do Goberno galego para que a Comisión Europea inclúa nas súas propostas lexislativas unha axuda transitoria para que as rexións que abandonan por primeira vez o obxectivo de converxencia a partir de 2013 -como é o caso de Galicia- teñan unha “aterraxe suave” e vexan minimizado o impacto da perda dos fondos estruturais.

Doutra banda, destacou o compromiso do Goberno para outorgar un tratamento especial as cuestións de agricultura e pesca durante a súa Presidencia da Unión Europea. No relativo ao sector pesqueiro, Galicia quere aproveitar o proceso de reforma da Política Común de Pesca (PCP) para sentar as bases dunha política comunitaria plenamente sostible desde a perspectiva económica, social e ambiental. No tocante á Política Agrícola Común (PAC), Gamallo apostou por recibir máis cartos directos europeos e traballar para que se compense debidamente aos produtores afectados polos axustes que haxa que acometer, como é o caso dos produtores lácteos.

Noutro punto, tamén expuxo que desde o Goberno de Galicia urxese a necesidade de que a presidencia española inste ao Consello comunitario a negociar coa Comisión Europea a revisión e levantamento das restricións á construción de buques civís nas instalacións do estaleiro de Navantia, en Fene.

Por último, o director xeral, abordou as propostas de reunións en Galicia, como é a celebración de distintas reunións de cooperación transfronteiriza e dun Consello de Ministros de Cultura na Unión Europea en Santiago de Compostela. Con esta última iniciativa, preténdese contribuír á visibilidade da celebración do Ano Santo 2010, outro dos cometidos no que Goberno prometeu o seu apoio directo. Para estas cuestións, dixo, haberá que esperar a principios de novembro, cando a comisión delegada que establece o calendario de reunións, dea a súa confirmación.