24 octubre 2009

Guillerme ve tufillo propagandístico
en la última rebaja de Feijóo


Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- 
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, cualificou hoxe de “absolutamente propagandístico” o anuncio feito esta mañá por Núñez Feijóo da súa intención de rebaixar nun 3% o soldo dos altos cargos da Xunta.
En opinión do número un do nacionalismo galego, este anuncio, realizado apenas unha semana máis tarde de que os orzamentos galegos para o 2010 fosen presentados, demostra “a improvisación absoluta coa que está a actuar o goberno de Alberto Núñez Feijóo”.


Se ben o portavoz nacional quixo aclarar que o nacionalismo galego está a favor da austeridade e da redución do gasto improdutivo, explicou que esta medida ten “un tufo propagandístico inconfundíbel”.
Para materializar este anuncio, o PP terá que autoemendar os seus orzamentos, segundo admitiu o propio Núñez Feijóo, polo que Guillerme Vázquez lle suxeriu que “xa postos a autoemendarse, desde o BNG animámolos a que o fagan en cousas que son moito máis prioritarias” e, neste sentido, recomendoulle ao goberno popular “que renuncie a privatizar a sanidade e incremente os gastos en educación, nomeadamente no ensino superior e en I+D+i”.
Guillerme Vázquez pediu ao PP que abandone a propaganda para actuar e que incremente os investimentos en economía produtiva de maneira especial neste momento de crise económica, polo que reprobou a redución que recollen os orzamentos galegos 2010 nos investimentos en sectores como a pesca e o medio rural.