29 octubre 2009

BNG abstense na votación da Lei de Estranxería

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, explicou a decisión do BNG de se abster na votación no Congreso da Lei sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros no Estado español e a súa integración social.
Os dous principais obstáculos


O obstáculo fundamental que impediu o si do BNG á Lei de Estranxería é o referido aos 60 días de internamento de persoas inmigrantes. Davila salientou o feito de que “non é razoábel que persoas que teñen cometido feitos delictivos, e que están pendentes de extradición, non poidan estar privados de liberdade máis de 40 días, en cambio, unha persoa inmigrante que só está pendente de expulsión por unha infración administrativa, teña que estar 60 días recluída nun centro de internamento”.


Outra das discrepancias do BNG é que non se modificara o relativo aos familiares de cidadáns españois, que Davila considera deben ser incluídos no ámbito de entrada libre e circulación de persoas de cidadáns da UE. A deputada do BNG lembra que hai moitos familiares de galegos nesta situación.


BNG presentou 64 emendas, e transaccionou 42


O BNG presentou 64 emendas a esta lei, 42 delas foron transaccionadas e acordadas con outros grupos parlamentares. Davila recoñeceu na súa intervención no Pleno que “se produciron grandes avanzos no trámite deste proxecto de lei desde a súa entrada na Cámara. É certo que agora hai máis garantías para a proteción xurídica dos inmigrantes, sobre todo de menores, avanzos importantes na cuestión da violencia de xénero ou no relativa á  trata de blancas. Mais para o BNG o tema dos días de internamento é un asunto clave, e a pesar de que presentamos alternativas non foi posíbel chegar a un acordo co grupo maioritario”.