26 octubre 2009

Polémica del presupuesto : el conselleiro
de Educación se defiende como gato panza arriba


Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou hoxe en comisión parlamentaria uns orzamentos para o ano 2010 baseados na harmonización de austeridade e eficiencia, cos que se poderá garantir unha educación de calidade e excelencia. Os devanditos orzamentos –cifrados en 2.384 millóns de euros- experimentan unha mellora de medio punto porcentual no seu peso no conxunto dos presupostos da Xunta de Galicia, ao contar co 22% dos recursos da Administración galega.

Vázquez Abad salientou tamén a importancia que -para saír da crise e ser un país de futuro- vai ter a aposta por unha educación de calidade e excelencia. Nese sentido recordou que a educación condiciona a capacidade de desenvolvemento económico e social dun país.

O conselleiro anunciou que as apostas máis importantes da Consellería en materia orzamentaria se sitúan no incremento do 3,27% da partida de obras e reparacións de centros, no que se investirán 46,6 millóns de euros; no aumento dun 24% da aplicación para comedores do que se beneficiarán 3.000 comensais máis; na potenciación da FP para incorporar ao mercado laboral a 42.000 novos profesionais perfectamente capacitados; na creación da primeira rede local de dinamización do galego, cunha dotación de 1 millón de euros; e no incremento do número de beneficiarios do programa de inmersión lingüística en idiomas estranxeiros.

Ademais, os orzamentos para ensino universitario, que estaban condenados a caer (debido a redución nun 12% dos ingresos non financeiros) en 56 millóns de euros, só terán unha redución duns 10 millóns grazas a unha achega extraordinaria da Xunta. As contas universitarias gozarán, ademais, dun importe global de case 65 millóns de euros para actividades científicas e investigadoras.

Incremento nos aspectos sociais
Malia á complicada situación económica, o conselleiro de Educación garantiu a cobertura social dos estudantes galegos. Así, lembrou o aumento no presuposto de comedores, aqueixado dun déficit de máis de 4,5 millóns de euros deixado polo goberno anterior, e que permitirá atender a uns 3.000 comensais máis. Ademais, a Consellería dará un 10% máis de axudas ás ANPAS que xestionan este servizo.

No tocante a outro dos servizos complementarios imprescindibles para a conciliación da vida familiar e laboral, o de transporte escolar, a Consellería dedica o 5,36 por cento do seu orzamento, máis de 127,6 millóns de euros  a garantir o acceso á educación en igualdade de condicións duns 93.000 escolares que viven no rural.

Austeridade e calidade do ensino
Por outra banda, Vázquez Abad destacou que a política de austeridade tamén se aplica á propia Consellería. Deste xeito, os orzamentos de 2010 aforran un 42% na partida destinada ao persoal de Gabinete, diminución que alcanza o 75% na Secretaría Xeral de Política Lingüística. Esta medida de contención, explicou o conselleiro, permitiu reorientar recursos de xeito directo a medidas para o fomento da lingua galega en todos os sectores da sociedade, cun investimento de case 2 millóns de euros en programas de formación e 2,2 millóns de euros no fomento da presenza do galego nos medios de comunicación. Ademais, poténciase a súa proxección no exterior, cunha partida de 1,2 millóns de euros, un 20% máis que o ano pasado.

A meta do ensino plurilingüe é outro dos eixos sobre os que pivotan os recursos económicos destinados a Educación,  que permitirán que máis de 2.800 alumnos de Primaria, ESO e Bacharelato realicen cursos de idiomas no estranxeiro, con axudas da Xunta por un valor total de algo máis de 4 millóns de euros.

A aposta pola calidade do ensino público queda patente tamén no incremento do 21% das partidas destinadas é mellora do éxito escolar, ademais dos 2,5 millóns de euros cos que se vai impulsar a formación do profesorado, en especial no uso das TIC e os novos recursos dixitais.