24 octubre 2009

Farjas también está de fin de semana
en suelo argentino


Buenos Aires, República Argentina (MORRAZO-TRIBUNA) .- A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, presidiu a reunión do Padroado da Fundación Benéfico-Social Galicia Saúde, durante a súa primeira viaxe oficial a Arxentina. No acto, ao que tamén asistiron, entre outros, o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda; o secretario xeral de Emigración, Santiago Camba; o secretario xeral da consellería de Sanidade, Roberto Pérez; e o director de Recursos Económicos do Sergas, Pablo Torres; propuxéronse importantes medidas de carácter económico necesarias para dar un novo pulo ao Hospital Galego de Bos Aires.
Así mesmo, tomouse a decisión de darlle un novo enfoque técnico a través do desenvolvemento dun novo plan funcional global que garanta a mellora neta da asistencia e asegure a aplicación dunha política de eficiencia que redunde nunha mellor xestión, así como no incremento da calidade asistencial mediante a mellora das instalacións actuais e a incorporación de novas tecnoloxías.


  
Modernización de infraestruturas e atención sanitaria de calidade
A Xunta de Galicia garante, por un lado, vía subvención, a estabilidade dos fondos necesarios para o correcto funcionamento de hospital, na procura da consolidación financeira do centro. Para elo, estudarase un proxecto de reorganización da xerencia co fin de combater o déficit económico que a 30 de abril de 2009 era de 1,7 millóns de euros.

Outra das melloras propostas é a implantación dunha xestión profesional do centro que poida asignar recursos con eficiencia e conseguir unha asistencia sanitaria de calidade. Desto xeito, é preciso a instalación de novos recursos tecnolóxico-asistenciais (Resonancia Nuclear Magnética, Tac, Radioloxía Dixital, etc.) e actualizar toda a tecnoloxía dixital de sistemas de información, o que redundará, sen dúbida, nun mellor diagnóstico e tratamento das diferentes patoloxías.

Tamén se abordou a necesidade da ambulatorización dos procesos, evitando estadías hospitalarias innecesarias, aportando maior comodidade aos pacientes. Obxectivo a salientar e tamén o que se refire ao traballo no dimensionamento adecuado dos diferentes servizos médicos, para lograr unha asistencia correcta, aumentando o abano de especialidades a tratar.

“O noso fin -indicou a conselleira de Sanidade-, é poder darlle aos galegos unha atención e calidade asistencial de nivel, sen que estea condicionada polo lugar onde residan”.
 
Achega anual de 3,1 millóns
A consellería de Sanidade propuxo que a Fundación Galicia Saúde financie a súa actividade mediante unha asignación anual de 3,1 millóns de euros contemplada nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a través de aportacións do Centro Galego de Bos Aires; polos servizos que presta a través da mutualidade Obra Social dos Emigrantes Españois e Descendentes (Ospaña).

Así mesmo, incorpórase como vogal no consello de administración da mutualidade Ospaña, coma representantes da Fundación Galicia Saúde, Roberto Pérez López; e coma suplente Fernández López Pereira.

O día 9 de novembro terá lugar unha nova reunión extraordinaria do padroado, en Santiago de Compostela, para adoptar as decisións definitivas que garantan a viabilidade futura do convenio co hospital.

A orixe do proxecto
A Fundación Galicia Saúde ten a súa orixe no ano 2002 cando, motivado polas dificultades económicas, o Centro Galego de Bos Aires solicitou a colaboración da  Xunta de Galicia co obxectivo de sanear a situación económico-funcional do Hospital do Centro Galego de Bos Aires. Para elo, creouse a Fundación Galicia Saúde cunha participación ao 50 por centro entre o propio Centro Galego e a Xunta de Galicia. A institución presta atención médica nos consultorios sociais, externos e a domicilio, educación sanitaria e conta, ademais, cun sanatorio para intervención cirúrxica. O Hospital Galego de Bos Aires ten uns 20.000 socios dos que 4.000 son galegos.

Cooperación entre Sanidade e o Ministerio de saúde de Bos Aires
A conselleira de Sanidade entrevistouse, tamén, co ministro de Saúde da Cidade Autónoma de Bos Aires, Jorge Lemus. No encontro acordouse levar a cabo o deseño dun acordo marco para trasladar a experiencia de Galicia no ámbito da asistencia primaria e na formación de xerentes poñendo a disposición os programas cos que traballa a Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria.

Pilar Farjas e Alfonso Rueda fixeron tamén entrega de diplomas a 35 mulleres que foron formadas como auxiliares de enfermería dentro dun programa promovido pola Fundación Galicia Emigración.