27 octubre 2009

Intercambio en Política Lingüística
entre Galicia y Catalunya

-
Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, recibiu hoxe o seu homólogo catalán, Bernat Joan i Marí. Durante o encontro, que tivo lugar na sede da secretaría xeral, en Santiago de Compostela, a partir das 13:00 horas, os dirixentes políticos intercambiaron opinións sobre a liñas de actuación que están a desenvolver para impulsar a dinamización das linguas propias das súas respectivas comunidades.


Anxo Lorenzo presentoulle a Bernat Joan i Marí o proxecto de creación da primeira rede de dinamización lingüística a nivel local que se está a impulsar desde o Goberno galego, así como a creación do primeiro curso en liña para a obtención do certificado de lingua galega ou as medidas que se están a deseñar para fomentar o galego entre as franxas de idade máis novas e tamén no ámbito empresarial, entre outras iniciativas.

O secretario xeral galego valorou este encontro como positivo e destacou a importancia de coñecer e intercambiar puntos de vista desde as diferentes institucións dedicadas á promoción das linguas.

Acto de entrega dos premios Curtas na Rede
Xa pola tarde, o secretario xeral de Política Lingüística participará na gala de Curtas na Rede, onde fará entrega do premio da Secretaría Xeral de Política Lingüística á mellor curtametraxe en galego e pechará o acto.

Nesta cuarta edición do certame, que ten como obxectivos prioritarios impulsar a creatividade audiovisual da poboación e servir de escaparate desta, así como promover a creación audiovisual e a animación non profesional, os participantes presentaron as súas obras en formato de curtametraxes, de cápsulas e de micromovies.

O departamento que dirixe Anxo Lorenzo está a impulsar a difusión do galego no ámbito do audiovisual, a través do apoio á dobraxe e á subtitulación en lingua galega e a iniciativas como o Certame Ourense Film Festival Escola (OUFF Escola) –celebrado o pasado día 13 en Ourense– ou a I Xornada Dobraxe e Idioma, que terá lugar o vindeiro sábado en Ames.

O concurso Curtas na Rede está organizado pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Comunicación Audiovisual e do Consello da Xuventude de Galicia e conta tamén coa colaboración doutros departamentos do Goberno galego, como a Secretaría Xeral de Emigración, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Dirección Xeral de Saúde Pública e da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, así como coa colaboración das entidades AGADIC ou a Fundación Caixa Galicia, entre outras.