26 octubre 2009

Ahora el lío de los 200 euros : el Gobierno
de Feijóo sigue dando a la Oposición con qué entretenerse


Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .-A Consellería de Traballo e Benestar garante que a paga do complemento de 200 euros para pensións non contributivas correspondente a 2009 será recibida polos seus beneficiarios antes de xaneiro do próximo ano, posto que o departamento xa está traballando no decreto que o fará efectivo.


Así o explicou hoxe en rolda de prensa a secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, quen lamentou que houbese confusións neste eido e negou así que esta axuda se elimine este ano.

No que se refire ao investimento destinado a este fin neste exercicio –ao redor de 10 millóns de euros-, este se transformará, de cara a 2010, en prestacións de servizos e recursos sociais. Polo que non se está falando dunha supresión da axuda, senón dun cambio de modelo na súa formulación.

Así, explicou que esta paga única e anual de 200 euros supón uns 0,5 euros ao día e 16 ao mes, unha cantidade que non permite a estes pensionistas acadar con eses fondos servizos que lles son precisos e necesarios para o día a día nin mellorar a súa calidade de vida. Como exemplo, citou que o servizo de teleasistencia ten un custo moi superior aos 0,5 que recibirían con esta paga.

“Imos reforzar estes servizos de proximidade”, asegurou a secretaria xeral, quen precisou que se trata de mellorar a calidade de vida dos galegos priorizando aos colectivos máis necesitados, a través da optimización de recursos e da ampliación da cobertura dos servizos sociais. “En tempos de crise, o obxectivo debe ser garantir o acceso aos servizos de calidade e consolidalos non a través de subsidios”, incidiu López Abella.

Esta contía dedicarase ao financiamento de axudas con finalidades concretas, como pode ser o servizo de xantar na casa ou outras, que se están perfilando, co fin de permitir ás persoas que máis o necesitan o acceso a servizos e recursos que non se poderían costear cunha paga anual de 200 euros.

É preciso salientar que se está a falar dun complemento non consolidable, xa que no mesmo decreto se indica que se trata dunha axuda temporal.

Por outra banda, e co fin de acadar unha optimización real dos recursos, a Consellería de Traballo e Benestar porá en marcha un estudo exhaustivo sobre os distintos subsidios sociais existentes na comunidade, a fin de determinar a natureza das prestacións sociais, o financiamento, os beneficiarios, o carácter e a creación destas e dos seus posibles complementos. Este informe terá como obxectivo prioritario comprobar a eficacia e a incidencia real de todas estas ferramentas nos colectivos beneficiarios.

Para a elaboración deste estudo, realizaranse, ademais, reunións coas asociacións de xubilados e pensionistas e demais asociacións representativas para analizar cales son as súas principais demandas e servizos aos que na actualidade teñen máis dificultades para acceder.