27 octubre 2009

Pesar del ejecutivo gallego
en la muerte de la Condesa de Fenosa

-
Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- O mandatario galego, Alberto Núñez Feijóo, lamentou hoxe o falecemento da Condesa de Fenosa e presidenta da Fundación Pedro Barrié de la Maza, Carmela Arias y Díaz de Rábago, da que salientou o seu traballo a prol de conseguir sempre “unha Galicia mellor”.
O xefe do Executivo autonómico trasladoulle á familia da Condesa de Fenosa “o seu pésame, o do Goberno galego e o dos galegos”, incidindo en que, sempre quedará o seu legado. “Ela xa non vai estar con nós, pero sempre estará con nós a súa obra, o seu legado, a súa determinación e a súa vocación de ser unha galega, unha galega orgullosa de sentirse como tal, de traballar por Galicia en termos amplos e de conseguir, sen dúbida, formar parte xa da historia da Comunidade Autónoma e formar parte xa dunha saga de mulleres que traballaron e loitaron ata o último instante por unha Galicia mellor”, sinalou.
 Trátase dunha muller, sen dúbida, “que forma xa parte da historia de Galicia do século XX, unha das persoeiras máis clarividentes do que quería que fora a comunidade e que, polo tanto, traballou para que Galicia acadara ese estatus”, incidiu o presidente da Xunta remarcando que hoxe “temos unha Galicia mellor” e que unha parte desa meta se acadou grazas ao traballo e esforzo da Fundación Pedro Barrié de la Maza e da Condesa de Fenosa.

Carmela Arias “aproveitou a súa vida”, subliñou Feijóo, incidindo en que “se vai despois de cumprir unha misión que foi apostar por Galicia, estar orgullosa de Galicia e traballar pola xuventude”. “E moitos mozos –agregou-, hoxe están formados como consecuencia do traballo da Fundación Pedro Barrié de la Maza”.

“A Condesa de Fenosa, xunto con Pedró Barrié de la Maza, son dúas figuras claves para entender o que se sinte e o orgullo que se ten sendo galego. Son dúas personaxes claves do século XX, de toda Galicia, especialmente da provincia da Coruña, e moi especialmente da propia cidade”, concluíu.