29 octubre 2009

ADENCO celebra 20 anos de Xeiras Micolóxicas

Ponteareas (MORRAZO-TRIBUNA) .- As Xeiras Micolóxicas do Grupo Ecoloxista ADENCO chegan este ano á vixésima edición, realizándose de maneira ininterrumpida desde a constitución do colectivo en 1990. As Xeiras son un referente no mundo da micoloxía no sur da Provincia de Pontevedra e supuxeron no seu momento a chegada da ecoloxía á micoloxía, con actividades abertas á sociedade, dirixidas a nenos e adultos, co obxectivo de descubrir o reino dos fungos, que aínda hoxe esconde segredos destacables.





ADENCO organiza este ano diferentes actividades en Ponteareas, Salvaterra e Mondariz Balneario, entre o 31 de outubro e o 15 de novembro. Saídas ao monte guiadas, charlas e obradoiros, exposicións ou a presentación dunha revista conmemorativa da efeméride son algunhas das propostas.


Este fin de semana as actividades desenvolveranse dentro da programación da VII Feira de Outono, cunha saída ao monte o sábado, ás 10:30h desde a Praza Maior de Ponteareas, e cunha exposición de cogumelos con actividades paralelas o domingo a partir das 11:00h.


Todas as actividades das Xeiras están abertas ao público en xeral e son totalmente gratuitas, a excepción da presentación da revista, para a que é preciso confirmar asistencia.


REVISTA 20 ANOS DE XEIRAS MICOLÓXICAS
O venres 13 de novembro, no Hotel de Mondariz Balneario, ás 20:30h, celebrarase un acto conmemorativo dos 20 anos de Xeiras Micolóxicas do colectivo, no que se presentará unha revista, editada para a ocasión e que conta con colaboracións, entre outras, da micóloga Marisa Castro, da escritora Helena Villar Janeiro ou do ilustrador Calros Silvar. Neste acto contarase coa presenza da propia Marisa Castro, unha das precursoras no estudo e coñecemento dos cogumelos, autora, xunto a Luis Freire, dun dos primeiros libros sobre cogumelos en Galicia, a comezos dos 80.