29 octubre 2009

Al BNG no le gustan los presupuestos de Cultura

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- A portavoz de Cultura do BNG, Ana Pontón, advertiu que os Orzamentos da Consellaría de Cultura para 2010 “non son os que precisan o noso sector turístico e as industrias culturais galegas para sair da crise”. 




A deputada do BNG valoraba así as contas que presentou hoxe na Comisión de Orzamentos da Cámara Galega o conselleiro de Cultura e Turismo, e das que dixo que “carecen de proxecto e de ideas”. 


Así, Ana Pontón criticou que “os orzamentos da Consellaría de Cultura son os que máis descenden para o vindeiro ano: un 9,4%, fronte á media da Xunta de Galiza dun 0,4%”. 


En concreto, denunciou que “o descenso máis importante do orzamento da Consellaría de Cultura e Turismo nos investimentos reais e nas transferencias de capital, co que tanto os concellos como as industrias culturais deste país van ver reducidos considerabelmente os seus apoios nun momento de crise económica”. 


Ademais, a deputada do BNG advertiu de que “a Consellaría inflou artificialmente as partidas da AGADIC, incluíndo 2 millóns de euros que era unha partida xa orzamentada para apoio ao cinema en galego”.


Escaso apoio ao sector turístico nun ano Xacobeo


Na mesma liña, Ana Pontón criticou “o escaso compromiso co sector turístico nun ano no que se celebra o Xacobeo e que se debería aproveitar para superar a crise que afecta ao sector”. 


Así, puxo como exemplo que “os investimentos da Secretaría Xeral para o Turismo descenden un 34% e as axudas un 33%, o que afecta á creación de oferta hoteleira, para festas de interese turístico e para a promoción turística dos concellos”. 


Ademais, lembrou que o Plan de Impulso á actividade turística, dotado con carácter plurianual cun total de 8 millóns de euros, “non especifica qué parte desa cantidade se vai investir en 2010”.


660.000 euros para a renovación da web de TURGALICIA


Asemade, considerou “moi sospeitoso que destinen 660.000 euros á renovación da web de TURGALICIA, un das mellores páxinas e máis valoradas polo sector que xa fora renovada durante a pasada lexislatura”.


A onde van parar os 22 millóns de euros da Fundación Gaiás?


No referido á Cidade da Cultura, a portavoz de Cultura do BNG pediulle ao conselleiro que informase sobre a onde van a parar os 22 millóns de euros cos que estaba dotada a Fundación Gaiás, que o Goberno do Partido Popular fusionou agora coa Fundación Cidade da Cultura. “Porque se incorporan esa partida o orzamento da Cidade da Cultura para o vindeiro ano, non diminúe, senón que se incrementa”, subliñou. 


Supresión das axudas a recuperación da Memoria Histórica


Por outra parte, Ana Pontón criticou que a Consellaría de Cultura suprima o convenio de 70.000 euros coas universidades galegas para investigar a represión franquista en Galiza. “Presumen de cosmopolitas e modernos pero non coñecen a realiadade deste país e desamparan as persoas que en Galiza sufriron represión durante o Franquismo”, recreminoulle a parlamentaria nacionalista ao conselleiro de Cultura.


Forte descenso nas axudas aos concellos e ás bibliotecas públicas


No tocante as medidas ao fomento da lectura, a portavoz do BNG criticou que no Ano Internacional de Fomento do Libro e da Lectura “reducen nun 61% a partida para a compra de fondos da bibliotecas públicas, cando sabemos que son a base para incentivar a lectura”. Ademais, denunciou que “nos orzamentos para 2010 non se engade a partida de axudas para a tradución ao galego, que anularon este ano e que prometeran incorporar nos do ano vindeiro”. 


Incremento dos gastos de gabinete


Por último, Ana Pontón cualificou de “trampa e pura maquillaxe” a promesa do Goberno do Partido Popular de reducir os gastos de gabinete, xa que “pasamos de 429.000 euros a 470.000, que son os que suman os 345.000 € de gasto de gabinete da Consellaría de Cultura e os 125.000 de Secretaría Xeral para o Deporte, integrada na Consellaría durante o Goberno Bipartito”.