27 octubre 2009

BNG sale en defensa de los
trabajadores de las oficinas de I+B

-
Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- O Grupo Parlamentar do BNG esíxelle ao Goberno do Partido Popular unha rectificación pública polos seus ataques aos traballadores e traballadoras das oficinas de Igualdade máis Benestar (I+B). 
Os deputados do BNG, Carlos Aymerich e Ana Pontón, consideran que as declaracións da Secretaria Xeral de Benestar “constitúen un ataque inxusto aos traballadores e traballadoras, cuestionando a súa profesionalidade sen ningún tipo de xustificación e baseándose únicamente en mentiras e difamacións”.



Ademais, trasladan “a solidariedade do BNG coas traballadores e traballadoras das oficinas de I+B e recoñecemos o importante labor que están a realizar”. 


Estas persoas entraron a traballar de xeito legal e transparente


Ante o que consideran “un intento de criminalización dos traballadores por parte do Goberno do PP” os deputados do BNG lémbranlle á secretaria xeral de Benestar que “”estas persoas que entraron a traballar nas oficinas de I+B fixérono a través de concurso-oposición, de xeito legal e transparente”. 


Pola contra, denuncian que “o método que está a utilizar agora o Partido Popular para as novas contratacións do Consorcio son as as listas de agarda, procedemento de selección estrictamente dixital no que os traballadores comezan a prestar o seu servizo sen teren que superar ningún tipo de proba”. 


Un exemplo máis da política antisocial do Partido Popular


Ana Pontón e Carlos Aymerich advirten de que “o intento de desmantelar as oficinas de I+B é un exemplo máis da política antisocial da que fai gala o goberno do Partido Popular, que debería explicar a incidencia que vai ter este desmantelamento no desenvolvemento de políticas tan importantes como a loita contra a pobreza, contra a exclusión social, protección de menores e  igualdade”. 


Por último, alertan de que nos Orzamentos da Xunta para o ano 2010 “elimínase a partida destinada ao mantemento dos equipos de igualdade das oficinas, que veñen cubrindo un baleiro e realizando un importantísimo labor no ámbito das políticas de igualdade”. 


“O BNG -subliñan- agarda que isto se rectifique durane o trámite parlamentar dos Orzamentos”.