26 octubre 2009

Promocionan vinos gallegos en Alemania y China


Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .-Abrir novos mercados internacionais para os productos agroalimentarios galegos en xeral, e para os viños en particular, é o obxectivo das iniciativas promocionais que se desenvolverán este días e nas próximas semanas, impulsadas pola Consellería de Economía e Industria a través dos centros de promoción de negocios (CPN) que o Instituto Galego de Promoción Económica ten en Alemaña e en China.

Así, hoxe desenvolverase unha presentación de viños da denominación de orixe do Ribeiro na cidade de Colonia, e mañá será a quenda da promoción destes mesmo viños noutro evento promocional que se celebrará no Hotel Grand Elysee de Hamburgo. Participarán en total 10 adegas desta denominación de orixe, que presentarán os seus produtos a importadores, maioristas e minoristas de cadeas de alimentación, representantes do mundo da hostelería, da restauración e da prensa especializada. Ademais de organizar estas presentacións, o CPN do Igape editará e repartirá entre os asistentes un catálogo sobre os viños de cada unha das bodegas presentes.

Do mesmo xeito, o centro de promoción de negocios do Igape en China ocuparase de organizar o evento denominado Galicia wine fine dinner, que se desenvolverá o día 13 do próximo mes de novembro no restaurante Blu Lobster do Hotel Shangrila Beijing e que servirá  para a presentación e reforzo de imaxe dun conxunto de viños e licores galegos que se comercializan  actualmente na República Popular de China. O acto tamén servirá para a promoción de Galicia como destino turístico e como espazo para acoller investimentos.

Orientado a representantes de turoperadores, empresas importadoras de viños, prensa especializada e potenciais investidores chineses, este evento está organizado polo CPN do Igape en colaboración coa Cámara Oficial de Comercio de España en China, e prevese contar coa asistencia de representantes da Embaixada de España en China, así como doutros organismos oficiais de España nese país e de empresas españolas.

A promoción de Galicia como territorio de acollida de investimentos estranxeiros é unha das funcións que desenvolven os centros de promoción de negocios que o Igape ten en Xapón, China, Estados Unidos, Alemaña e Polonia. Os CPN tamén facilitan información e apoio en destino ás empresas galegas que apostan pola internacionalización.