24 octubre 2009

Viajecito para que el "vice" compruebe
que se ahorra en Argentina


Buenos Aires, República Argentina (MORRAZO-TRIBUNA) .- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, visitou hoxe a Delegación da Xunta en Bos Aires, da que destacou que a súa nova ubicación, nunhas dependencias alugadas ao Centro Galicia, lle permite ofrecer un mellor servizo aos cidadáns galegos na capital arxentina e a un custe moi inferior para as arcas públicas galegas.

En concreto, o aforro de gastos na delegación da Xunta na súa nova ubicación, na céntrica rúa Bartolomé Mitre, é superior ao 50 por cento. Este aforro tamén se acompañou cunha baixada de gastos no salario que perciben os delegados, xa que ao cubrir os postos en Bos Aires e Montevideo con persoal residente en Arxentina e Uruguai aforráronse as compensacións por expatriación.
Unhas reducións de custes que -según di a Xunta-, lonxe de supoñer un empeoramento dos servizos que a Delegación presta aos cidadáns galegos na Arxentina, repercutiu nunha maior eficacia e eficiencia, xa que no que vai de outubro téñense duplicado os asuntos tramitados respecto a agosto, o último mes no que a delegación estivo na antiga sede. Así, pasouse de 522 asuntos hai tan só dous meses a 1035 durante este mes de outubro, no que se xestionan dende a delegación preto de 30 consultas diarias en persoa e case o dobre en atención telefónica.

O titular de Presidencia coñeceu de primeira man as instalacións acompañado polo Secretario Xeral de Emigración, Santiago Camba, e o Delegado, Alejandro López Dobarro, quen tamén fixo incidencia en que co traslado da delegación logrouse reforzar a proximidade das delegacións ás zonas onde se concentra a maior parte dos emigrantes galegos, que agora teñen acceso nun espazo máis próximo a eles aos servizos e recursos que ofrecen estas unidades administrativas.

Servizos das delegacións
As delegacións teñen como principais áreas de actuación, establecidas no Decreto de creación, a atención á cidadanía galega, a difusión da lingua e da cultura de Galicia, así como a promoción económica e a cooperación para o desenvolvemento. Trátase da primeira representación oficial de Galicia no exterior, sometida aos controis e funcionamentos propios da administración pública.

Ademais de buscar a mellora cuantitativa e cualitativa destes servizos, Alfonso Rueda explicou hoxe que os plans de traballo que a Xunta está ultimando para cada delegación centrarán os seus esforzos na promoción da lingua e a cultura galega e no impulso a novos contidos en materia de relacións económicas.