25 octubre 2009

BNG enmienda la totalidad del
proyecto de financiación autonómica


Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- O BNG presentou no Congreso dos Deputados dúas emendas á totalidade aos dous proxectos relativos ao financiamento autonómico. BNG pede a devolución do proxecto de Lei Orgánica de modificación da Lei Orgánica 8/1980 de financiamento das CC.AA, e tamén o proxecto de lei polo que se regula o sistema de financiamento das CC.AA.

Para o BNG o resultado das negociacións sobre a reforma do sistema de financiamento das CC.AA “é decepcionante e prexudicial para os intereses de Galiza”.


Galiza perde peso no sistema

O BNG sostén que con esta reforma Galiza perde peso relativo entre o conxunto de CC.AA de réxime común. Explican que “os recursos adicionais para Galiza se estiman en 600 millóns. Partindo da liquidación do 2007, e tendo en conta os 11.000 millóns adicionais que se introducen no sistema, Galiza necesitaría unos 780 millóns destes recursos adicionais para manter o peso relativo do ano 2007, que era do 7,1% sobre o conxunto das CC.AA de réxime común”.

Ademáis, argumenta o BNG que tampouco sae ben parado o noso pais no que atinxe á participación de Galiza no fondo de garantía dos servizos públicos fundamentais. “Se falamos dos 4.900 millóns de euros de recursos adicionais do ano 2009, que teñen como obxectivo o reforzo do Estado de Benestar, só 168,12 (o 3,43%) corresponderán a Galiza, é dicer, a metade do peso relativo da poboación de Galiza no conxunto do Estado”.

Polo tanto, “Galiza perde peso relativo no sistema e non se acadan os obxectivos definidos por unanimidade polo Parlamento galego en xuño de 2009”.

Non se ponderan os factores que na Galiza teñen máis incidencia no custe dos servizos: dispersión, envellecemento e emigración

Os parlamentares do BNG afirman que unha das razóns fundamentais da perda de peso relativo de Galiza é que a reforma non pondera de xeito adecuado os factores que no noso pais teñen maior incidencia no custe dos servizos”. Refírense así á dispersión da poboación. Tampouco está suficientemente ponderado o envellecemento, e non se contempla como factor de ponderación a poboación emigrante.

Non se avanza nunha maior autonomía e corresponsabilidade fiscal

Os nacionalistas galegos defenden outro modelo de financiamento, un modelo baseado na territorialización plena dos tributos cunha Axencia Tributaria propia. Critica o BNG que o actual modelo non permite a autorresponsabilización e a autonomía fiscal plena e “proxecta a falsa imaxe dun Estado cun pretendido carácter solidario”.

Para o BNG as melloras introducidas en materia de competencia normativa en varios tributos, con “seren un elemento positivo, é totalmente insuficiente para lograr o obxectivo de que Galiza poida deseñar unha política fiscal propia”. Critican que a reforma xeneralice ao conxunto das CC.AA uns porcentaxes de cesión de tributos que non garanten a autofinanciación do noso pais.

A reforma do sistema atenta contra o principio de equidade

Os nacionalistas galegos explican que co sistema vixente cada CC.AA obtiña recursos en función do cálculo das súas necesidades de gastos. “Coa reforma isto só acontece nos servizos públicos denominados fundamentais e se introducen novos criterios como a capacidade recadatoria que rompe coa pretendida equidade do sistema”.

Con esta reforma, indican, o fundo de competitividade terá unha dotación superior á do fundo de cooperación, “o fundo destinado específicamente á correción de desigualdades no nivel de desenvolvemento dos distintos territorios”.

Ademáis, alega o BNG, a reforma establece un sistema de financiamento máis complexo e opaco. Aumentará a discrecionalidade do Estado na asignación de recursos e non se acompaña dunha simplificación da Administración central.

Lembra o BNG que son as CC.AA as prestadoras dos servizos públicos esenciais e que experimentaron un forte incremento do gasto nos últimos anos.