28 octubre 2009

Enésima predicación de la Xunta
sobre la nueva etapa de las escuelas oficiales de idiomas

-
Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .-A nova ordenación nas Escolas Oficiais de Idiomas, implantada a partir da circular 5/2009, permitiu este curso atender a 3.119 estudantes máis en toda Galicia, segundo explicou hoxe en rolda de prensa o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luís Mira Lema. A redistribución da carga lectiva do profesorado deu a posibilidade, ademais, de elaborar unha nova oferta de  cursos específicos dirixidos a colectivos profesionais da sanidade, o comercio, ou o transporte de viaxeiros, entre outros.


Mira Lema explicou a necesidade de que as Escolas Oficiais de Idiomas se adapten ás demandas reais da sociedade, poñendo á súa disposición unha oferta educativa  modernizada, máis aló das ensinanzas regradas, que esixen cursar anos académicos completos para acadar algunha certificación. Deste xeito, os novos cursos específicos queren dar resposta ás necesidades dos colectivos profesionais de adquirir as competencias lingüísticas pertinentes para desenvolver o seu traballo nun mundo cada vez máis globalizado.

Ata o momento, estes profesionais víanse obrigados a recorrer ao ensino privado. Agora, grazas aos acordos de colaboración da Consellería de Educación con distintas Consellerías e entidades, este novo alumnado poderá aprender competencias lingüísticas axustadas ás esixencias do seu traballo cun custe gratuíto ou moi reducido. Dentro deste alumnado potencial, o director xeral de Educación quixo facer especial mención ao compromiso adquirido con aqueles sectores directamente implicados no Xacobeo 2010, para os que se están a preparar currículos que lles permitirán a máis de 1.500 profesionais dar unha mellor atención aos turistas que visiten Galicia o vindeiro ano.

Eficiencia
José Luís Mira Lema destacou a eficiencia que caracterizou este inicio de curso 2009/2010 nas Escolas Oficiais de Idiomas galegas. Non en balde, a optimización de recursos docentes levada a cabo pola actual Consellería de Educación deu a posibilidade de aumentar a matrícula un 12,48% máis con case o mesmo número de profesores; mentres que o anterior goberno bipartito tivo que aumentar nun 34,4% o profesorado para poder atender a só un 16% de estudantes máis en 4 anos.

Tamén grazas á boa xestión, o director xeral de Educación explicou que, unha vez incrementado en 113 o número de grupos en ensinanzas regradas, aínda quedan docentes con horas lectivas libres nas Escolas Oficiais de Idiomas para ofertar Períodos Lectivos Complementarios de reforzo, que se impartirán en función do número de solicitudes.

Ademais, explicou que a Inspección analizaba caso por caso a demanda para crear novos grupos de clase, debido á alta volatilidade e grao de abandono do alumnado destas ensinanzas non obrigatorias. Nesta sentido, Mira Lema fixo incidencia na ineludible actitude de responsabilidade da Consellería de Educación á hora de aproveitar os recursos dos que dispoñen as EOIs, tendo en conta sempre a calidade do servizo que se presta aos estudantes.

Por outra banda, o director xeral de Educación anunciou que este ano increméntanse en 18 o número de cursos de Linguaxe Administrativa Galega e preparatorios do CELGA, tendo en conta demandas que o ano anterior quedaran desatendidas. Por outra banda, as EOIs ofertan 29 cursos máis nos Centros de Formación e Recursos do Profesorado, que permiten seguir traballando na formación dos docentes galegos en linguas estranxeiras, para poder aumentar o número de seccións bilingües nos centros escolares de toda Galicia, que xa se incrementaron este ano en 277; e potenciar a mobilidade e os programas europeos.