27 octubre 2009

VIGO : Guillerme Vázquez salienta a “fantástica”
rehabilitación do BNG no Casco Vello e a súa recuperación para a cidadanía

-

Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, destacou este martes a “fantástica” rehabilitación do Casco Vello que está a desenvolver o Bloque Nacionalista Galego como forma de crear espazos para a cidadanía. O responsable nacionalista afirmouno no transcurso dunha visita que realizou ao barrio histórico da cidade acompañado polo tenente de alcalde, Santi Domínguez, a concelleira de Benestar Social, María Méndez, o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, a concelleira de Igualdade, Iolanda Veloso, e o concelleiro de Cultura, Xesus López.

O portavoz nacionalista percorreu diversas rúas do Casco Vello, como Abeleira Menéndez, Elduayen, Porta do Sol, Praza da Constitución, A Pedra e Teófilo Llorente, entre outras, nas que puido comprobar as obras de rehabilitación “que está a levar a cabo o BNG” e que supoñen a “transformación do barrio histórico”. No transcurso da visita, Guillerme Vázquez puido asemade coñecer os inmobles adquiridos polo Concello, un deles o pazo de Arias Taboada do século XVII, para instalar a futura pinacoteca municipal.

Xa na rúa Teófilo Llorente, na que a Concellería de Cascos Históricos, investíu un millón de euros na transformación en espazo peonil e de encontro, o portavoz do BNG salientou a importancia que teñen estas actuacións na creación de emprego, tendo en conta especialmente o momento de crise actual.

 “O BNG está a impulsar unha transformación espectacular no casco histórico de Vigo. Non hai comparación entre o que había e o que hai”, salientou. Neste sentido sinalou a posibilidade de organizar unha exposición que amose como era o Casco Vello antes das actuacións de remodelación e o seu estado tras as obras.  O portavoz nacional do BNG expresou a súa satisfacción polo feito de que Vigo teña novos espazos de encontro “grazas ao BNG”.

Guillerme Vázquez fixo referenza tamén á “profunda preocupación” do BNG pola política do goberno galego en materia sanitaria. Neste sentido indicou que este mediodía mantivo un encontro coa Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública para tratar o financiamento do novo hospital de Vigo. “A sanidade pública é a única que garante a universalidade dos servizos sanitarios”, asegurou.

A visita do portavoz nacional do BNG comezou a primeira hora cun encontro co grupo municipal do BNG no Concello de Vigo, que continuará esta tarde con outra xuntanza cos concelleiros e concelleiras nacionalistas e na que tamén participal a responsable comarcal, Manuela Rodríguez, e o responsable local, Miguel Pérez.