24 octubre 2009

Más del periplo argentino del "vice" Rueda


Buenos Aires  (MORRAZO-TRIBUNA) .-O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o director da Oficina Rexional en Bos Aires da Organización de Estados Iberoamericanos (OEI) para a Educación, a Ciencia e a Cultura, Darío Pulfer, asinaron este venres na capital arxentina un convenio de colaboración para a consolidación do Instituto para o Desenvolvemento e a Innovación Educativa (IDIE) en Arxentina, nun acto no que tamén estivo presente o ministro de Educación do Goberno arxentino, Alberto Estanislao Sileoni.



O convenio rexe a colaboración entre ambas institucións no proxecto de consolidación do IDIE, que contará cun orzamento para este mesmo ano de 127.000 euros, dos cales 100.000 son aportados pola Xunta de Galicia. O obxectivo do acordo é consolidar o Instituto que hoxe acolleu o acto de sinatura e potenciar a innovación e a calidade educativa no país sudamericano.

Tras a firma, o conselleiro de Presidencia destacou a importancia desta colaboración para o conxunto de arxentinos e galegos, unidos no interese común da mellora da formación como garantía do benestar social. “A comunidade internacional no seu conxunto vese favorecida polo desenvolvemento de iniciativas desta natureza, que evidencian a vontade de seguir traballando e avanzando xuntos”, destacou Rueda, que fixo incidencia no importante papel da cooperación no ámbito educativo para avanzar con seguridade e celeridade no desenvolvemento económico e a equidade social.

O titular de Presidencia salientou así mesmo que convenios como o ratificado hoxe demostran que a Xunta “mantén e renova o seu apoio” ao IDIE, unha institución que traballa para asegurar a calidade e a calidade do sistema educativo. Nesa liña, insistiu en que a educación é un factor catalizador da innovación e a investigación, que finalmente son os motores do crecemento e do benestar da sociedade. Por iso, situou a investigación educativa como a garantía de acadar vantaxes comparativas no mercado global e competitivo, ao tempo que serve de sostén ás políticas sociais.

Volver á terra
Antes da firma do convenio, o conselleiro de Presidencia participou no Auditorio do Centro Galicia nun encontro cos participantes no programa Volver á Terra, no que estivo acompañado polo secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, e polo delegado da Xunta en Bos Aires, Alejandro López Dobarro.

Alfonso Rueda trasladou aos máis de cen asistentes ao acto que representan o mellor que Galicia pode dar ao mundo e que son un exemplo para os habitantes da Galicia interior que, dixo, recibiranos con cariño e admiración cando cheguen á comunidade.

O conselleiro apuntoulles que se van atopar cunha Galicia transformada, desenvolvida e moderna, en boa parte gracias ao esforzo dos emigrantes. “De aí a débeda de gratitude que temos con vós”, indicou. Por iso, salientou que o Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo terá moi presentes aos emigrantes e renovará o compromiso coa diáspora galega.

Nese sentido, eloxiou o programa Volver á Terra, que contribúe a vincular aos emigrantes máis aínda coa comunidade da que saíron e a facer que Galicia deixe de ser “a terra dos adeuses”, como dicía Otero Pedrayo, para pasar a ser a terra dos reencontros.

Auxiliares de enfermería
Finalmente, o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza desprazouse ao Centro Galego de Bos Aires, onde clausurou o curso de auxiliares de enfermería organizado pola Fundación Galicia Emigración para mulleres españolas maiores de 35 anos residentes en Arxentina.

Alí, Rueda eloxiou esta iniciativa da Fundación, clave para favorecer a inserción laboral das mulleres españolas emigrantes e que teñen no sector da atención ás persoas maiores un novo sector de empregabilidade. Por iso, destacou a importancia deste curso de capacitación en auxiliar de enfermería en xeriatría e concluíu garantindo que a Fundación Galicia Emigración seguirá a traballar día a día para contribuír a mellorar a calidade de vida dos emigrantes galegos.