27 octubre 2009

O Goberno galego desenvolverá entre 2009 e 2010 un total de 45 escolas obradoiro, obradoiros de emprego e unidades de promoción e desenvolvemento

-
Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- Preto de 800 galegos e galegas en situación de desemprego poderían acadar a súa inserción no mercado laboral grazas aos programas mixtos de formación (escolas obradoiro, obradoiros de emprego e unidades de promoción e desenvolvemento) que porá en marcha antes de fin de ano a Consellería de Traballo e Benestar.
O director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida, presentou hoxe as liñas xerais deste plan despois de que os proxectos foron aprobados na segunda comisión de valoración celebrada este mes de outubro. Así, en total presentáronse en toda Galicia 113 proxectos, dos que 71 recibiron ditame favorable e 45 foron seleccionados de acordo cos criterios de valoración e as dispoñibilidades orzamentarias. Desta maneira, a Xunta de Galicia investirá na posta en marcha destas preto de 50 iniciativas de emprego máis de 26 millóns de euros entre este ano e o próximo.


A Xunta contratará a 1.180 persoas a través destas accións que ten dous obxectivos básicos, a formación e capacitación laboral. Desta cifra, Traballo e Benestar prevé que polo menos 814 dos participantes acaden a meta final destes programas, a súa inserción no mercado laboral, tendo en conta os resultados de ocupación laboral que recolle o Servizo Público de Emprego Estatal para estas accións concretas: o 83 por cento no caso das escolas obradoiro e o 70 por cento no dos obradoiros de emprego.

Hermida destacou que a finalidade destas accións de fomento do emprego é “lograr unha man de obra máis competitiva e acceder con mellores condicións ao mercado laboral”.

O director xeral de Promoción do Emprego detallou o número de participantes en cada acción formativa. En concreto, desenvolveranse dúas escolas obradoiros, 40 obradoiros de emprego e tres unidades de promoción.

Así, as dúas escolas obradoiro que se levarán a cabo na provincia de Pontevedra (en Vigo e Barro) contarán coa participación de 62 persoas. Esta modalidade está dirixida a persoas desempregadas menores de 25 anos. A iniciativa ten unha duración de 18 meses e nela os participantes alternan a aprendizaxe -6 meses- cun contrato para a formación coa contratación en actividades relacionadas coa recuperación ou promoción do patrimonio. Os integrantes nestas accións perciben un salario de 468 euros ao mes nos doce meses de contrato. Así, o custe destas dúas escolas obradoiro será de 1,27 millóns de euros en 2009 e 2010.

Con respecto aos obradoiros de emprego, o Goberno galego porá en marcha un total de 40 nos que tomarán parte 1.091 persoas. Este programa, en concreto, está destinado a persoas maiores de 25 anos. Tamén combinan a formación co emprego e ten unha duración de 12 meses. Os traballadores e traballadoras desta modalidade reciben un salario de 936 euros ao mes, polo que o departamento autonómico destinará unha partida que ascende a 23,1 millóns de euros nos dous exercicios.

Por último, Traballo e Benestar desenvolverá tres unidades de promoción e desenvolvemento nas que formarán parte 27 persoas. Estas accións, de carácter supramunicipal, colaboran na preparación, acompañamento e avaliación dos proxectos das escolas obradoiros, casas de oficios e obradoiros de emprego. En concreto, encárganse de analizar o territorio para elaborar plans integrais de intervención de cada unha das modalidades. A duración é de 24 meses e o custe de 1,9 millóns de euros.

Tanto os obradoiros de emprego como as escola obradoiro ofrecen aos seus alumnos orientación e asesoramento laboral, educación compensatorio nos casos de non finalización da ESO, módulos de seguridade e saúde no traballo, de sensibilización medioambiental e de igualdade de xénero.

A maior parte das accións están dirixidas á recuperación do patrimonio dos concellos e como novidade este ano se porán en marcha labores sociosanitarias, orientación pedagóxica e axuda a domicilio, entre outras actividades.

Os interesados en optar a estes programas da Consellería de Traballo e Benestar teñen que estar inscritos, ou poden aínda anotarse, nas súas respectivas Oficinas de Emprego, especificamente como demandantes destas iniciativas.

Por provincias
Hermida concretou, por último, as diferentes accións formativas por provincias. Así, na Coruña impartiranse 17 iniciativas (10,4 millóns de euros) nas que participarán 450 persoas. En Lugo tomarán parte 239 cidadáns en 9 accións formativas que terán un custe para as arcas autonómicas de 5 millóns de euros. En Ourense, a Consellería de Traballo e Benestar desenvolverá 10 programas para 261 galegos e galegas. As accións custarán 5,5 millóns de euros. Por último, a provincia de Pontevedra disporá de 5,3 millóns de euros para realizar 9 iniciativas enfocadas para 230 traballadores e traballadoras.