24 octubre 2009

En el homenaje al fundador de FEIRACO,
F-009 hace otro canto a la unidad


Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- “Sei que se nos unimos teremos máis forza; sei que se nos unimos, todos xuntos, seremos capaces de facernos escoitar”. Este foi o chamamento que realizou esta mañá a todos os gandeiros galegos o presidente da Xunta, durante o acto de homenaxe a Jesús García Calvo, fundador de Feiraco, e a celebración dos 40 anos de historia esta cooperativa.

Na súa intervención, Alberto Núñez Feijóo salientou que o agro galego está a pasar un momento de dificultade, por iso lle pediu aos gandeiros “unión” e “resistencia”. “Galicia non sería Galicia sen o sector lácteo, sería outro país; Galicia non sería Galicia sen poboación que viva no rural; Galicia non sería Galicia sen as nosas tradicións, e en Galicia hai unha excelente calidade do leite e eu propoño é seguir apostando por este sector”, afirmou.



Feijóo referiuse, especialmente, ao problema do sector leiteiro galego. “Temos case o 50 por cen da produción leiteira de España, que é un país que consume máis leite do que produce”. Polo tanto, subliñou, “enténdese mal que un país deficitario, que un país que consume máis do que produce, teña problemas para manter a súa produción”.

“Hoxe o sector leiteiro está pasando por un momento difícil”, aseverou Feijóo aludindo a que se acaba de conseguir unha axuda para o sector de 300 millóns de euros, pero unha axuda, matizou “que cremos insuficiente”.

Os problemas do agro galego, coñecidos en Bruxelas
Así mesmo, o mandatario galego lembrou a súa recente viaxe a Bruxelas, onde lle trasladou ás autoridades comunitarias os problemas da comunidade galega, fundamentalmente os referidos ao sector pesqueiro e gandeiro. “Nas últimas semanas tiven a ocasión de estar en Bruxelas e alí trasladamos a nosa opinión. E a nosa opinión –dixo-, é que non pode entrar leite de fóra cun prezo por debaixo do custo; que a Unión Europea ten que establecer mecanismos para que o dumping non se poida producir dentro da Unión; e que España, que produce menos leite do que consume, sexa o país con máis risco de perder explotacións gandeiras”. “Porque se as perdemos –engadiu Feijóo-, ao final o prezo do leite vano fixar os países excedentarios, os franceses, os alemáns, os daneses, e ao final, o prezo do leite subirá, porque cando perdemos capacidade e autonomía nun produto son outros os que sinalan os prezos”.

Abaratar custos e apostar polo valor engadido
Ante esta situación, o titular da Xunta avogou polo abaratamento dos custos, por unha maior sensibilización das administracións e pola aposta polo valor engadido dos produtos como as mellores solucións para superar as dificultades do sector gandeiro. “Probablemente teñamos que conseguir máis superficie para abaratar custos, probablemente cada explotación gandeira ten que ter máis superficie para consumir menos penso e máis forraxe, porque iso supón abaratar o prezo do leite e poder competir cos agricultores europeos; probablemente teñamos que facer moito máis valor engadido: menos leite en tetra-brick e máis valores engadidos de produtos que saen do leite, a través da investigación, a través de laboratorios e a través de determinados produtos engadidos que son os que o mercado consume; probablemente teñamos que seguir facendo cooperativas máis grandes; probablemente teñamos que sensibilizar máis aos políticos, á Xunta de Galicia, tamén; e probablemente teñamos que sensibilizar máis ao Goberno de España, por suposto”, remarcou.

De José García Calvo, Feijóo destacou que é unha persoa clave na evolución e no futuro do noso agro, e o seu compromiso e traballo “impagable ”por canto“ deu vida, liberdade e un futuro a esta comarca”, coa creación de Feiraco.

No acto desta mañá, que o presidente galego cualificou como unha “homenaxe sentida e xusta”, tamén estivo presente o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez Casado, xunto con outras autoridades, socios da cooperativa, familiares do fundador e representantes do sector agroalimentario galego e descubriuse unha escultura conmemorativa e glosouse a traxectoria persoal e profesional de Jesús García Calvo.

Historia de Feiraco
O proxecto cooperativista de Feiraco comezou a súa andadura cara o ano 1968 no Val da Barcala, coa creación dunha fábrica de forraxes para a alimentación de gando vacún. Máis adiante constituíuse unha nova sección dedicada á comercialización directa do leite dos socios produtores, completándose o proxecto coa posta en marcha do envasado deste produto en paquetes de tetra-brick e a inauguración dunha nova planta de transformación, para a comercialización directa do leite co nome de Feiraco.

No ano 2008 esta empresa, integrada hoxe en día por un total de 400 socios, obtivo un beneficio de explotación de 1,45 millóns e procesou 107 millóns de litros de leite. Recentemente foi galardoada co premio europeo á innovación cooperativa na categoría de Procesos Alimentarios pola Confederación Xeral das Cooperativas Agrarias da Unión Europea (Cogeca).

Recoñecementos
Como presidente desta cooperativa, Jesús García Calvo recolleu ao longo da súa vida diferentes galardóns, entre os que salientan a Medalla de Galicia, o Premio Agrario de Galicia, o premio Euroforo Empresarial á empresa galega con maior proxección exterior, o premio Carrefour ao produto preferido polos consumidores ou o premio Ciudadano a la Mejor Leche.