28 octubre 2009

En marcha o o programa Muller, Medio ambiente e Desenvolvemento Rural en Galicia

-
Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- A creación dun contorno favorable entre as mulleres do rural galego cara o investimento e o dinamismo empresarial ligado ao medio ambiente é un dos obxectivos que persegue o programa Muller, Medio ambiente e Desenvolvemento Rural en Galicia, promovido polo sindicato Unións Agrarias e no que colabora FADEMUR Galicia. A directora da iniciativa, Paula Conte, explicou hoxe en Santiago as características deste proxecto incluído no programa Empleaverde da Fundación Biodiversidad que se desenvolve no programa operativo Adaptabilidade e Emprego do Fondo Social Europeo para o período 2007-2013. No acto tamén participaron a técnica do proxecto, Ana Castro, e Carmen Rodríguez, representante de FADEMUR Galicia.



O programa formativo pretende dar resposta ás diferentes posibilidades emerxentes relacionadas co sector ambiental, capacitando cunha formación teórica e práctica, para o desempeño cualificado das diversas iniciativas empresariais que ofrece o medio ambiente. Ademais, a iniciativa inclúe a posibilidade de realizar prácticas nun amplo abanico de empresas dos diferentes subsectores relacionados: ecoturismo e produción e transformación ecolóxica, entre outros.
Deste xeito, a iniciativa contribuirá tamén a promover a creación de empresas de economía social, desenvolvendo a súa capacidade emprendedora e asesorando ás futuras empresarias na posta en marcha de novas actividades relacionadas co sector ambiental.
Así, fomentarase a creación de empresas de ecoturismo, que inclúan actividades e talleres de educación ambiental e procesos demostrativos, como o agroturismo onde o usuario participa en tarefas cotiás do lugar, tanto agrícolas como gandeiras e artesanais.

Outras modalidades empresariais son as centradas no turismo de natureza, como a observación de aves, os centros de interpretación da natureza, a valorización do patrimonio histórico e a enogastronomía; a produción, transformación e elaboración ecolóxica (mel, viño, queixo, carne, etc); empresas relacionadas coa xestión e o tratamento de residuos, coa valorización de residuos orgánicos (compostaxe, biometanización) e coa xestión e tratamento de plásticos, pneumáticos, envases; iniciativas relacionadas co sector enerxético renovable, en canto a instalación de enerxía solar fotovoltaica conectada a rede, participación en proxectos de enerxía eólica e actividades relacionadas coa utilización da biomasa con fins enerxéticos; e empresas relacionadas coa xestión forestal sostible (silvicultura, explotación forestal, viveiros forestais e en xeral, actividades dos servizos relacionadas coas mesmas).


Accións gratuitas cofinanciadas polo FSE

O proxecto intenta consolidar un protagonismo crecente das mulleres traballadoras do medio rural na sociedade civil, no asociacionismo, nos novos xacementos de emprego relacionados co medio ambiente, no papel multifuncional da agricultura, dos bosques, nas redes asociativas, en definitiva, no novo sistema rural. Ao tempo, fomenta entre as mulleres traballadoras do medio rural, actividades económicas como o ecoturismo rural, a
produción, transformación e elaboración de alimentos ecolóxicos, a educación ambiental en espazos protexidos, a implantación de enerxías renovables, a xestión de residuos, e a xestión forestal sostible.

Mellora a inserción laboral
Ademais favorece a mellora laboral de colectivos como o de mulleres traballadoras, con dificultades de inserción e permite aproveitar recursos infrautilizados, xerando emprego e riqueza e axudando a fixar poboación no medio rural, coas vantaxes territoriais, sociais, económicas e ambientais que isto supón.

O proxecto articúlase en base a unha serie de actuacións como son cursos de formación en dúas modalidades, on line e mixtos; a celebración de xornadas sobre Dinamización do ecoemprego femenino nas zonas rurais e do congreso Muller, medio ambiente e desenvolvemento rural; a edición dunha guía de Ecoiniciativas empresariais no medio rural e material informativo e divulgativo; así como campañas de sensibilización sobre a contribución da muller ao desenvolvemento rural sostible e asesoramento personalizado en iniciativas empresariais.
A iniciativa, dirixida a traballadoras por conta propia ou allea do medio rural de Galicia e na que participarán ao redor de 2.000 mulleres, está promovida por Unións Agrarias e conta coa colaboración de FADEMUR Galicia, que se encargará de difundir a iniciativa en todo o rural de Galicia, tendo en conta que as integrantes desta entidade pertencen ao medio rural galego e a maioría delas desempeña a súa actividade laboral no sector agrario.