24 octubre 2009

Santi Domínguez expresa o apoio do BNG
á manifestación do día 29 en defensa
da sanidade pública


VIGO (MORRAZO-TRIBUNA).- O tenente de alcalde, Santi Domínguez, expresou este venres o apoio do BNG á Plataforma en Defensa da Sanidade Pública e á manifestación convocada para o vindeiro xoves, 29 de outubro. Tras a xuntanza que o tenente de alcalde e a portavoz do grupo municipal do BNG mantiveron cos representantes da Plataforma, Santi Domínguez manifestou a preocupación dos nacionalistas “pola política que en materia sanitaria está levando a cabo o Partido Popular”.


“Os políticos temos a responsabilidade de velar pola calidade de vida da cidadanía”, afirmou o tenente de alcalde. Neste sentido considerou que nestes momentos esta calidade “está ameazada pola ineficacia e a incompetencia do goberno do PP” e sinalou como exemplo que “por primeira vez” se incorpora a iniciativa privada á atención primaria. “Deste xeito esquécese o compromiso do anterior goberno da Xunta e as propias promesas electorais dos populares”, explicou Santi Domínguez.
O tenente de alcalde fixo un chamamento á cidadanía a participar na manifestación do vindeiro xoves “para expresar a repulsa pola privatización da sanidade en Vigo”. Finalmente, avanzou que a portavoz do grupo municipal nacionalista defenderá unha moción no pleno do videiro luns, 26 de outubro, “para que o hospital de Vigo sexa público”, sinalou. Destacou tamén que o BNG seguirá traballando nesta liña “porque coa sanidade non se pode xogar”.
O portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública sinalou que precisamente a xuntanza con Santi Domínguez e María Méndez tiña por obxectivo expresarlles a preocupación pola situación sanitaria de Vigo e solicitar o apoio do grupo municipal para a mobilización do 29 de outubro.