28 octubre 2009

Presenta Deputación libro de Pedro Dobao

-
Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, acompañado do vicepresidente provincial, José Manuel Figueroa, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Lucía Molares, presentou  o libro «Pedro Dobao», xunto ó autor, no Museo MARCO de Vigo.
Louzán, que destacou “a honra que supón para a Deputación de Pontevedra poder presentar na cidade de Vigo esta transcendental publicación”, apuntou que “o mundo da arte está representado nela a través dunha escolma da obra de Pedro Dobao, unha obra de concepción xeométrica, que o artista foi situando nas paisaxes das distintas cidades e lugares de toda Galicia”.
 
Pedro Dobao
A traxectoria de Dobao comeza como tallista de madeira, moi cedo, cun conxunto de gubias que lle regala a condesa de Torrepenela. Coñece distintos conceptos escultóricos, novos materiais e tecnoloxías, diferentes maneiras de modelar, a talla en pedra… Estuda na Escola de Artes e Oficios de Madrid e, con 25 anos, instálase nun taller propio en Barcelona. Durante este tempo fai traballos que lle encargan arquitectos e participa en distintas exposicións que o fan coñecido.
Consolídase como artista de volta a Galicia, concretamente na cidade de Vigo, onde reside actualmente. A súa obra espallada por toda a comunidade recolle traballos en madeira, aceiro, bronce ou resinas. Obsérvase nel unha grande evolución dende o realismo das súas primeiras obras ata a abstracción das súas esculturas actuais.
Percorrido por Galicia
Para coñecer ó escultor temos que percorrer Galicia, os seus camiños, prazas urbanas, recunchos recoletos, onde foi deixando as súas creacións en pedra, bronce, ferro ou en outros materiais coma o aceiro cortén ou o granito do país.
Entre a súa obra pública atopamos no concello das Neves “Liñeira” e “Á familia”, na Guarda “Arquitectura” e “Mujer desconsolada”, en Vigo “Muller traballadora”, en Poio “Ulular do vento”, “Lavandeiras” en Marín… Algunhas das súas esculturas máis representativas: “Moisés” (en madeira, 1968), “Custodia do pensamento” (en ferro, 1982), “Amencer” (resina, 1987), “Contorsionista” (Bronce, 1987), “Prensa” (madeira, metacrilato e ferro, 1999), “Custodia do espazo” (aceiro, latón e bronce, 2003), “Diferenzas” (mármore, bronce e resina)… O artista tamén compón espellos e murais.
O catálogo que hoxe se presentou vén unirse á colección “Arte” da Editorial da Deputación de Pontevedra, colección da que forman parte tamén outras publicacións como as dedicadas a José Lorenzo Macías, Pedro Solveira, Freixanes, ou mesmo Antón Lamazares.
“Por último”, concluíu Louzán, “dende a Editorial desta institución esperamos continuar coa publicación de libros que, coma estes, permitan difundir a arte e a cultura galegas, especialmente na provincia de Pontevedra, e sirvan, á súa vez, de apoio e estímulo a toda a creación artística”.