27 octubre 2009

BNG ten medo de que o Xacobeo remate en fiasco


Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- A portavoz de Turismo do BNG no Parlamento Galego, Carme Adán, criticou “a falta de planificación, de definición e de previsións do Goberno do Partido Popular para o Xacobeo 2010”, cuxa programación presentou hoxe o conselleiro de Cultura no Pleno da Cámara Galega. Carme Adán amosou o “temor do BNG de que esta falta de planificación provoque que este evento tan importante non se aproveite para reactivar a economía galega nun momento de crise e para proxectar a cultura galega a nivel internacional”. 
“O obxectivo prioritario do Xacobeo 2010 debería ser aproveitalo para crear riqueza en Galiza, e non estamos seguros de que este Goberno sexa capaz de facelo”, adviertiu a deputada nacionalista. 


“O Xacobeo tamén deber servir para dar a coñecer a nosa cultura contemporánea”


Ademais, a portavoz de Turismo do BNG lamentou que “a cultura galega se contemple na programación do Xacobeo 2010 como un engadido, a través da sección Xacobeo Raíces, pero non como un elmento central dun evento que debería ser unha ocasión privilexiada para exportar a cultura galega a nivel internacional”. 


Neste sentido, lembroullle ao conselleiro de Cultura que “ademais de música tradicional, a mocidade galega ten moita creatividade, sabe facer moito máis, e hai toda unha rica cultura contemporánea galega que está ausente da programación do Xacobeo 2010”. 


“Apoie por favor a cultura galega contemporánea, confíe na nosa cultura, síntase orgulloso dela”, pediulle Carme Adán. 


Na mesma liña, demandoulle tamén ao conselleiro que “xa que tan boas relacións ten coa xerarquía eclesiástica, pídalles polo menos que algunha liturxia a fagan en galego”. 


Importante traballo feito durante o Goberno Bipartito


Por último, a deputada do BNG lembrou “o importante traballo de preparación do Xacobeo 2010 feito polo Goberno Bipartito”. 


Así, salientou “os traballos de construcción e restauración de albuergues do Camiño, de sinalización, de promoción a nivel internacional e que tiveron o seu  reflexo no número de peregrinos que acudiron a Galiza, que medrou un 53% entre o 2003 e o 2007”.