24 octubre 2009

Donativo de la Xunta permitirá acabar
Casa de Cultura en San Mateo de Oliveira


Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .-A visita institucional do conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, ao concello de Ponteareas serviu hoxe para formalizar xunto ao alcalde Salvador González Solla o convenio de cooperación polo que a Xunta de Galicia destinará un total de 125.000 euros para a realización da cuarta fase das obras de construción da Casa de Cultura de San Mateo de Oliveira. En virtude do acordo, o proxecto recibe agora un impulso definitivo que permitirá rematar a infraestrutura antes do remate do presente ano.



A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura, dará prioridade á construción desta instalación que permitirá adecuar a oferta sociocultural do Concello de Ponteareas ás necesidades dos habitantes da parroquia de San Mateo de Oliveira. A Casa da Cultura paliará a falta dun espazo axeitado para a promoción e difusión da cultura e pretende converterse nun lugar de intercambio de ideas e coñecementos así como incidir no hábito da lectura en galego.

Os traballos para a construción da Casa de Cultura de San Mateo iniciáronse en 2005 tras a firma dun primeiro convenio coa Xunta de Galicia para o comezo das obras a través dun investimento de 150.000 euros. En 2008 o proxecto recibiu unha nova achega da Administración autonómica de 60.000 euros que non permitiu a finalización do centro cultural. É agora cando a Casa de Cultura poderá rematarse co novo convenio de colaboración.  

O centro servirá como lugar de reunión aos 800 habitantes de San Mateo de Oliveira que carecían dun local axeitado para celebrar as xuntanzas dos diferentes colectivos veciñais, culturais e deportivos da parroquia. Deste xeito, darase un novo paso no proxecto do goberno municipal de dotar dunha infraestrutura que permita ofrecer estes servizos nas 24 parroquias do concello. As obras na última fase para a posta apunto da Casa de Cultura contemplan traballos de saneamento, albanelaría, carpintería interior, fontanería e iluminación.

Ben de Interese Cultural
O conselleiro de Cultura Turismo completou a súa visita institucional a Ponteareas no Castro de Troña, declarado ben de interese cultural coa categoría de monumento, polo Consello da Xunta do pasado xoves 22 de outubro. Roberto Varela avanzou a intención da Consellería de Cultura e Turismo de traballar en coordinación co Concello de Ponteareas para deseñar un plan especial que permita especificar o límite do xacemento arqueolóxico e as posibles intervencións arquitectónicas.

Nesta liña, Roberto Varela avanzou que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural contempla posibles actuacións no Castro de Troña para a posta en valor do xacemento a través de medidas preventivas como a limpeza, roza e labores de mantemento, especialmente, nas estruturas arqueolóxicas exhibidas. Entre estas intervencións están as de eliminación de entulleiras e milladoiros, os traballos de adecuación das estruturas desenterradas e a sinalización e información do complexo castrexo.

Asemade, o titular de Cultura e Turismo afirmou que a partir de agora unha das liñas de traballo será o estudo da posible creación dunha infraestrutura de pequenas dimensións como centro para a recepción de visitantes, unha vez delimitada a titularidade dos terreos.

Construcións castrexas
O Castro de Troña é un dos asentamentos castrexos máis antigos de Galicia, e cunha larga evolución ao longo da Idade do Ferro (habitado dende o século VI a.C. ao I d.C.). O xacemento presenta arredor dunha trintena de construcións castrexas, escavadas, consolidadas e exhibidas, froito do amplo historial de intervencións realizadas no mesmo, e que foron iniciadas por Florentino López Cuevillas e Luis Pericot García no ano 1927. Estas estruturas constitúen unha excelente mostra da arquitectura castrexa en pedra, adscribible á Segunda Idade do Ferro. Tamén é salientable a presenza de varios petroglifos e gravados da época

O conxunto desta paraxe ten un gran interese sociocultural, evidenciado polo alto número de visitantes, máis de 50.000 o ano, que estaría en relación coa presenza de varios elementos de interese etnográfico e antropolóxico incluídos como partes integrantes do monumento. Entre eles poderíamos destacar a Capela do Doce Nome de Xesús, un vía crucis, o camiño da ermida, e outros de índole inmaterial, como as lendas asociadas e a celebración de dúas romarías ao ano. Por todo elo, este xacemento posúe un alto potencial para revalorizalo como recurso cultural.

Na actualidade, o xacemento presenta en xeral un bo estado de conservación con alteracións puntuais, presenta afeccións importantes como é a invasión da maleza e masa arbórea no recinto castrexo.