27 octubre 2009

O BNG demandará compromisos concretos
da Xunta na Comisión de seguimento do Parque empresarial de Ponteareas

-
Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- O BNG esixirá explicacións a Xunta de Galiza, na Comisión de seguimento do Parque Empresarial, por paralizar este investimento vital para o futuro de Ponteareas. “Dende a chegada de Nuñez Feijoo ao goberno da Xunta non se avanzou nada co Parque Empresarial de Ponteareas,” declarou Xosé Represas, Portavoz Municipal do BNG, quen informou que a comisión de seguimento foi convocada a instancia dos nacionalistas, a pesar de retrasar o PP máis de dous meses a sua convocatoria.
“Demandaremos compromisos concretos para avanzar co Parque Empresarial, cando menos para adquirir os terreos e urbanizalo no 2010”, manifestou Represas, o portavoz nacionalista recordou que xa van pasar seis meses dende que rematou a exposición pública do proxecto sectorial do parque empresarial, último paso dado polos nacionalistas no Goberno Galego para que Ponteareas poidera contar cun parque empresarial. O actual goberno do PP non deu nin un só paso, todo o contrario, anunciou que Ponteareas quedaba a cola.


Os nacionalistas esixirán, na Comisión de seguimento, explicacións por non levar o Parque Empresarial ao Consello da Xunta para aprobar o plan sectorial, cando xa transcurriron 6 meses dende que rematou a sua exposición ao público, conxuntamente co informe de sustentabilidade ambiental (ISA). A aprobación polo Consello da Xunta do Proxecto Sectorial, é o único que falta para a adquisición dos terreos, ben por mutuo acordo cos propietarios ou ben por expropiación.


O BNG considera que esta actuación é fundamental para o futuro de Ponteareas polo que supón de investimento en obra pública e de ubicación de novas instalacións industriais, “o goberno municipal non pode seguir contemplando como varias empresas se ubican en Portugal por non contar con terreos nesta zona e ao mismo tempo a Xunta paraliza esta área industrial, cun investimento previsto de 60 millóns de euros para acoller 300 empresas”, declarou Represas.


Xosé Represas afirmou que o goberno municipal do PP e o Alcalde van ter en poucos días duas oportunidades para posicionarse claramente a favor do Parque Empresarial e dos intereses de Ponteareas. Primeiro no Pleno deste xoves e días máis tarde na Comisión de seguimento do Parque Empresarial, “esperamos que, Salvador G. Solla, como alcalde de Ponteareas, esté diposto a esixir que a Xunta cumpra co noso Concello os compromisos asinados e incluso postos en marcha polo goberno bipartito”, manifestou Represas.