27 octubre 2009

Prestamo de la Xunta a Cablerías Auto


Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .-Na súa última reunión, o consello de dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Consellería de Economía e Industria, acordou conceder un préstamo directo por importe de 1.125.750 euros a Cablerías Auto, co obxectivo de apoiar o financiamento de investimentos en inmobilizado e capital corrente, para a adquisición para as súas instalacións en Porriño (Pontevedra) dunha nova liña de negocio que inclúe a incorporación de novos clientes e que suporá a creación de 22 novos postos de traballo nunha primeira fase de desenvolvemento, ata a primavera de 2010 .


O proxecto contempla a adquisición dunha nova liña de negocio a Delfingen Portugal e a súa transferencia e incorporación á actividade actual de Cablerías Auto en Porriño. O préstamo concedido polo Igape, cun prazo de 7 anos, incluídos dous de carencia, ten como obxectivo o financiamento da adquisición dos medios de producción e fondo de comercio da multinacional francesa Delfingen en Portugal. Deste xeito, a empresa galega, subministradora directa dos principais fabricantes de automóbiles, busca a incorporación de novos clientes e produtos de maior valor engadido.

Para Cablerías Auto, a adquisición dos activos produtivos e a carteira comercial de Delfingen supón unha clara oportunidade de incrementar as súas capacidades produtivas, nun momento en que aposta por medrar con rapidez. Coa incorporación dos novos activos, que se producirá en varias fases e en coordinación cos clientes de Delfingen, Cablerías incrementará o nivel de ocupación das súas instalacións actuais.

O novo persoal necesario, 22 persoas durante a primeira fase, será contratado localmente en Porriño; as previsións da empresa apuntan a ampliar as contratacións ata 61 persoas en abril de 2011, e ata 71 en 2012.