29 octubre 2009

Ana Pontón : “o Goberno do Partido Popular decide financiar con diñeiro de todas a asociacións que atacan os dereitos das mulleres"

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- En resposta a unha pregunta da portavoz do BNG en Materia de Igualdade, Ana Pontón, o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda, confirmou que a Xunta de Galiza vai financiar con diñeiro público asociacións antiabortistas, referiu o Bloque Nacionalista.

 Ana Pontón denunciou que “o Goberno do Partido Popular decide financiar con diñeiro de todos a asociacións que atacan os dereitos das mulleres; que lles negan o dereito a decideren sobre a súa maternidade, sobre o seu corpo, e que equiparan a interrupción voluntaria do embarazo co asasinato”. 


A deputada do BNG advertiu de que “este anuncio inscríbese dentro dunha estratexia ultraconservadora do PP que mesmo ataca a información afectivo sexua aos mozos para evitar embarazos non desexados, como están a demostrar coa paralización dos centros Quérote ou co peche das I+B, oficinas de información ás mulleres”. 


A parlamentaria nacionalista aclaroulle ao conselleiro de Presidencia que a axuda que recibiu a Asociación Provida durante o Goberno Bipartito “foi para apoiar unha casa de acollida a mulleres embarazadas”. “E díganos se non se debería apoiar ese proxecto”, preguntou.


Por último, Ana Pontón criticou “o profundo cinismo do Goberno do PP, xa que ao mesmo tempo que aseguran precuparse pola maternidade, acaban de eliminar as axudas que o Servizo Galego de Igualdade puxera en marcha durante o Bipartido para que as mulleres embarazas puideran retomar os seus estudos”.