24 octubre 2009

Marta González y su enésimo
canto a la igualdad


• A secretaria xeral da Igualdade aposta, na inauguración do XI Foro galego para a educación en Igualdade, por “cambiar condutas e costumes propios desa herdanza desigualitaria recibida”

• Lembra que a igualdade ten que entenderse como “unha relación de equivalencia no sentido de que todas as persoas teñen o mesmo valor”, pero apunta que “iso non quere dicir que sexan ou deban ser idénticas nin uniformes”
• Aposta por introducir “un enfoque igualitario en todos os aspectos da educación”
• Defende un “cambio de mentalidade” que permita a consecución dunha “sociedade igualitaria e libre do fenómeno da violencia de xénero”


PONTEVEDRA (MORRAZO-TRIBUNA) .- A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, abordou hoxe, durante o acto de inauguración do XI Foro galego para a educación en Igualdade, a actual problemática desta materia dentro do sistema educativo, recoñecendo que constitúe un das metas principais do mesmo: “A igualdade na educación, e a educación para a igualdade, constitúen todo un reto para o noso sistema educativo”.


Neste sentido, González quixo lembrar que esta igualdade ten que entenderse como “unha relación de equivalencia, no sentido de que todas as persoas, independentemente do seu sexo, da súa orixe, da súa lingua, teñen o mesmo valor, pero iso non quere dicir que sexan ou deban ser idénticas nin uniformes”. “A igualdade debe permitir diferenzas, aínda que non desigualdades que dean lugar a discriminacións”, incidiu.


Para ilo, González aposta por “cambiar condutas e costumes propios desa herdanza desigualitaria recibida” de cara a lograr imprimir nas novas xeracións “modelos axeitados a persoas educadas na liberdade”. “Un enfoque igualitario –proseguiu González-, debe estar presente en todos os aspectos da educación, na elaboración de normas e directrices para as propostas curriculares, no deseño dos materiais didácticos ou na formación do profesorado”.


Un cambio de mentalidade
Así, a secretaria xeral da Igualdade apostou por mellorar en campos como a “capacitación do profesorado e o intercambio das mellores prácticas” como factores decisivos e de gran importancia que permitan “un cambio de mentalidade” orientado a conseguir unha “sociedade igualitaria e libre do fenómeno da violencia de xénero”. Para acadar este obxectivo, González apuntou cara a necesaria posta en valor “da participación das mulleres en todos os eidos, as ciencias, a historia ou a cultura”.


Para finalizar, González quixo lembrar que “os propios estereotipos” sobre os que se asenta o sistema de pensamento fan, en principio, “máis doado aplicar o enfoque de xénero, como proposta metodolóxica, ás areas curriculares chamadas habitualmente ‘de letras’ fronte ás máis masculinas ‘de ciencias’”. “Isto supón outro problema á hora de propiciar a igualdade de oportunidades entre alumnas e alumnos”, concluíu.