27 octubre 2009

Bieito Lobeira asegura que “o Goberno de Feijóo fai oídos xordos da manifestación do día 18 e empéñase a relegar o galego a situación que padecía no Franquismo”

-
Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- O portavoz do BNG en materia de Lingua no Parlamento Galego, Bieito Lobeira, considera un “retroceso histórico” o rexeitamento a actual lexislación en materia lingüística. 
O pleno do Parlamento de Galiza debatía esta mañá unha moción do BNG pola que se pedía aos demais grupos da cámara que revalidasen o seu apoio a lexislación vixente en materia linguística, “e que foi consensuada por todos os grupos políticos galegos no seu momento”.



“Nin sequera lles valen os mínimos da lei actual, queren volver ao franquismo”


En concreto, a iniciativa do BNG pedíalle ao Goberno Galego que cumprise o artigo 10º da Lei 3/1983 de Normalización Lingüística, que establece que “os topónimos de Galiza terán como única forma oficial a galega”. En segundo lugar pedía que se revalidade o compromiso co Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobadado por unamidade en setembro de 2004. Ademais pedíase que se presentase un informe anual ao Parlamento sobre o cumprimento destas medidas e, por último, demandábase que, en cumprimento da Lei 4/2006 de Transparencia e Boas Prácticas na Administración Pública Galega, e en concordancia co PXNL, os cargos da Xunta de Galiza usen de xeito normal o galego nas súas relacións coa cidadanía”. 


Por iso, o deputado nacionalista considerou “inaudito que o Partido Popular rache todos os consenso e mesmo se negue a apoiar o que di a lei”. “Nunca me imaxenei como deputado do BNG pedíndolle a un Goberno que, simplemente cumpra a lei”, engadiu. 


“O PP quere que o galego volva a estar coma no Franquismo”


Bieito  Lobeira lembrou que “o pobo galego foi  castigado durante séculos, humilado e reprimido por falar en galego, un proceso que se acentuou durante o Franquismo, e que deixou unha fonda pegada na xente, de complexo de inferioridade e de que o galego é un lastre e un atraso para progresar”. 


O deputado do BNG subliñou que “durante os últimos 25 anos, coa Xunta de Galiza, logramos avances moi cativos para parar ese proceso de substitución da lingua galega polo español”. 


“Sen embargo, -denunciou- e debido á estratexia máis españolista do Goberno de Feijóo atopámos agora con voces que criamos superadas pola historia e polo avance da democraci que vociferan contra o galego e queren mesmo reinstaurar os topónimos deturpados das nosas vilas e cidades”. 


Neste sentido, Bieito Lobeira denunciou que “o PP estalle facendo moito mal ao noso país e a nosa lingua porque alimenta e alíñase cos sectores da sociedade galega que rexeitan o galego por ese complexo de novo rico que quere cortar coas súas raíces coa lingua dos devanceiros, á que asocian á aldea e á pobreza”. 


“Este Goberno fai oídos xordos ao que di a cidadanía”


Ademais, o deputado do BNG considera que coa súa negativa desta tarde no Pleno do Parlamento Galego “o Goberno de Feijóo fai ouvidos xordos ás ducias de miles de galegos e galegas libres que se manifestaron o pasado 18 de outubro en Santiago de Compostela”. 


“O Goberno do Partido Popular -denuncia- é un goberno instalado na soberbia, presidido por un sector españolista e antigalego, e que despreza a gran maioría dos galegos e galegas que, independentemente da lingua que falen, lle queren ben ao pais e á lingua galega”. 


“Estamos ante una situación de emerxencia nacional”


Por último, Bieito Lobeira advirte “estamos nunha situación de emerxencia nacional, porque o PP hoxe quitouse por fin a carauta no Parlamento Galego e que o que pretende é que o galego volva á situación que sufriu no Franquismo".