24 octubre 2009

Autobombo del PP con motivo
del Xacobeo 2010


Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- O Partido Popular de Galicia afirma que o Goberno de Feijóo está a traballar duramente para que o vindeiro Xacobeo faga que o 2010 sexa lembrado como o ano no que Galicia viu por fin a luz despois da crise que fixo tambalear a economía mundial. Os populares felicitan á Xunta polo traballo ben feito que están levando a cabo coa preparación do Ano Santo.




Neste sentido, fan fincapé en que, se ben o Goberno galego está incluindo o requisito da austeridade que imprime en todas as súas políticas no Xacobeo, posto que os tempos así o esixen, tamén é certo que o do próximo ano será un dos máis memorables tanto polas vantaxes económicas que traerá como pola gran proxección cultural que experimentará Galicia.

Os populares son conscientes, polo tanto, de que o Xacobeo xogará un papel moi importante tanto cultural coma económicamente, por iso, preparan un gran festexo que prevén que atraerá máis de nove millóns de turistas e que incluirá máis de 700 actos, dos que aproximadamente 100 serán concertos musicais, que farán as delicias non só dos galegos, senón tamén de todos os turistas. Será todo un espectáculo que visitantes de todo o mundo disfrutarán intensamente a través dos cinco sentidos.

Así mesmo, os populares fan fincapé en que o vindeiro ano, Galicia estará presente non só en toda Europa, senón tamén en todo o mundo a través da influencia e proxección que o Xacobeo 2010 vai ter. Grazas a este evento, a cultura galega traspasará as fronteiras nacionais e internacionais para viaxar por todo o mundo deixando a impronta da marca Galicia por tódolos recunchos do planeta a través dos milleiros de visitantes que compartirán cos galegos a súa maior festividade.