24 octubre 2009

Defendiendo a los bateeiros
y censurando el "caso Caja Madrid"...





Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- O Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez criticou hoxe en Boiro aos dirixentes do PP por pedir de maneira reiterada que non se politice a xestión das caixas de aforro, mentres están a pelexarse pola presidencia de Caixa Madrid.

Vázquez insistiu en que o proceso de fusión das caixas ten para o PP unha vara de medir diferente segundo se refiran ás caixas de aforros galegas ou a Caixa Madrid e aludiu concretamente ás declaracións realizadas recentemente por Montoro nas que afirmaba que “deben saltarse as competencias autonómicas e ir a eficacia”. Vázquez asegurou que este tipo de posición demostra “que hai un perigo real  de que as caixas desaparezan e se están producindo movementos para diseñar a redución do número actual de caixas”. 
( Na foto, o líder do BNG, Guillerme Vázquez,aparece xunto co deputado do BNG, Bieito Lobeira, o alcalde de Boiro, Xosé Deira, e a responsábel comarcal, Dores Torrado. Unha das imaxes pertence á reunión que mantivo co colectivo de bateeiros da comarca do Barbanza ).







O portavoz nacional cualificou de “espectáculo bochornoso” a postura de Mariano Rajoy sobre Caixa Madrid por tentar impoñer un xerente afin ao Partido popular e pedir que non se politicen as caixas nas comunidades autónomas, “nós pedimos respeto ante a fusión en Galiza das caixas”, afirmou.

O líder nacionalista afirmou que “ao  BNG non lle resulta indiferente se as caixas de aforros teñen a súa sede social no noso país ou non”.

Neste sentido, engadiu que “non descrubrimos nada novo-dixo-, se dicimos que hai intereses por parte dos poderes centrais expresados por dirixentes políticos, tanto do Goberno central como do Partido Popular, con intención de deslocalizar e recentralizar as caixas de aforro.”

Asemade, o Portavoz do BNG volveu solicitar do Goberno galego unha postura clara a respeito desta cuestión e reiterou que para a forza nacionalista que representa “é necesario que as caixas fiquen no noso país e se é necesaria a fusión para que o centro de decisión quede no noso país, que se faga”.



Peirao de Cabo de Cruz e mexilleiros

O Portavoz nacional do BNG realizou estas declaracións no transcurso da súa visita a comarca do Barbanza donde  participou nunha xuntanza co colectivo de bateeiros de Boiro e comarca, á que tamén asistiron, o alcalde desta localidade, Xosé Deira, e o deputado e voceiro da Comisión de pesca no Parlamento galego, Bieito Lobeira.

Na reunión co sector do mexilón, o deputado nacionalista avanzou que nos vindeiros días, o BNG presentará no Parlamento galego unha Proposición non de Lei que recollerá as inquedanzas do sector centradas nas subvencións, singularidade das embarcacións, seguimento e  controis das mesmas así como a axilización nos pagos que deben facer os conserveiros aos produtores.

Guillerme Vázquez asegurou ao remate desta xuntanza que, “o BNG permanecerá atento ás obras do peirao de Cabo de Cruz para que se cumpran os compromisos, a pesar de que nos orzamentos galegos para o 2010 se contemple un desfase presupostario que a Xunta deberá resolver”

Sobre o sector mexilloeiro afirmou que “é estratéxico para Galiza e non podemos rendirnos ante a crise de prezos, a importación do mexilón de Chile e outros lugares do mundo e unhas reglas de globalización inxustas, case sempre para nós”.
O Portavoz nacional do BNG dará por concluida a súa visita a Boiro participando na Asemblea comarcal do Barbanza.