27 octubre 2009

Presentan "Contos no Camiño" para 25.000 escolares


Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA) .- O director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos asistiu hoxe no Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid á presentación das sesións de contacontos e os obradoiros de creación artística e de animación á lectura do proxecto Os contos do Camiño. Nestas sesións darase a coñecer o patrimonio cultural e artístico das diferentes rutas xacobeas a través dos contos de tradición oral e das obras de arte dos países por onde discorren e participarán máis de 25.000 escolares nunha data moi significativa para o Camiño de Santiago, o 2010, ano Xacobeo, As actividades que serán desenvoltas entre xaneiro e xuño de 2010, terán como sede itinerante ás cidades de Évora, Bordeaux, Óbidos, Madrid e, como peche final, Santiago de Compostela.


A celebración do Ano Santo é o motivo polo que a capital galega será o lugar onde se clausurará a acción de cooperación. Do mesmo xeito, Santiago de Compostela tamén acollerá en xuño un gran concerto como colofón e festa final, Contos en cantos do Camiño. Asemade vai ser sede dun encontro entre as partes implicadas para valoraren a iniciativa e crearen resortes que dean continuidade ao intercambio de contos do mundo. Sen dúbida, unha das mellores maneiras de establecer vínculos con outros pobos e culturas.

O xermolo deste proxecto é a campaña que a S. A. de Xestión do Plan Xacobeo está a levar a cabo en colaboración con OQO editora, na que participaron preto de 20.000 nenos e que este ano celebra a súa terceira edición. Mediante estas actividades, descubrirán a valiosa contribución das diferentes rutas xacobeas, á difusión do patrimonio cultural dos pobos por onde discorren as vías do Camiño de Santiago.

A maiores da contribución da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, a Fundación Museo Thyssen-Bornemisza, as editoriais Bichinho de Conto (Portugal) e La Compagnie Créative (Francia) son socios deste proxecto, coordinado pola editorial galega OQO. Trátase do único proxecto galego seleccionado en 2009 dentro do Programa Cultura 2007-2013 da Unión Europea, que este ano só escolleu en España outras dúas iniciativas. Ademais, no caso de Os Contos do Camiño, acadou unha das maiores puntuacións de todas as candidaturas europeas, con 32 puntos dos 35 máximos posibles.

A comisión de expertos europeos valorou deste proxecto, “a evidente calidade e excelencia das actividades” e cualifican a iniciativa de “innovadora e creativa”. Tamén eloxiaron “a grande relevancia da iniciativa” e o alto potencial para que esta actividade serva de exemplo a outras institucións europeas a realizar iniciativas semellantes no futuro.

Ao acto de presentación do proxecto Os contos do camiño tamén asistiron o xefe da Área de Investigación e Extensión Educativa do Musseo Thyssen-Bornemisza, Javier Arnaldo; o responsable do Punto de Contacto Cultural  de España na Dirección Xeral de Cooperación e Comunicación Cultural do Ministerio de Cultura, Augusto Paramio Nieto; a responsable do Programa Didáctico Museo Thyssen-Bornemisza, Ana Moreno; e a coordinadora en OQO editora do proxecto, Eva Mejuto.

Finalidade do proxecto
Os contos do Camiño está dirixido a escolares de educación infantil e primaria nos que se quere espertar e alimentar a curiosidade por viaxar e coñecer persoas doutras culturas. Ademais, os contos permitiranlles entrar en contacto con toda unha rica tradición cultural e artística asociada á Ruta Xacobea. Unha ruta que cada ano congrega miles de persoas de distintas culturas, razas e países, e que está considerada o principal e primeiro itinerario cultural de Europa.

Con este afán de respecto á diferenza, alén de cos centros de ensino, en cada unha das cinco cidades, contactarase con colectivos de inmigrantes e con asociacións que se ocupan de pequenos en situación de desprotección.

A maleta do camiñante
A cada centro e colectivo que participe nas actividades chegará A maleta do camiñante. Na realidade, trátase dunha grande arca de madeira que contén unha selección de álbums ilustrados editoriais participantes. A colección inclúe contos tradicionais de distintas culturas en francés, galego, portugués e español, con unidades pedagóxicas para que os mestres traballen con eles. Acompañará estes libros, a serie de animación Os Contos do Camiño, coa que nenos, familias e docentes poderán incorporar aos momentos de lecer toda a riqueza da tradición oral do Camiño.

Á maleta tamén se incorporarán guías didácticas das obras dos museos implicados e información sobre o proxecto para os docentes. A isto engadirase ademais, a documentación sobre as diferentes rutas xacobeas e sobre os lugares por onde transcorren, facilitada pola S. A. de Xestión do Plan Xacobeo.

En cada cidade, o programa Os contos do Camiño terá unha duración dun mes, tempo durante o que se desenvolverán as actividades: Un camiño de contos e A arte no camiño nas que están implicadas como entidades colaboradoras o Ministerio de Cultura de Portugal, o Concello de Óbidos, a Sociedade Anónima de Xestión do Xacobeo, o Museo de Aquitania, a Biblioteca Patrimonial de Évora, o Museo de Évora, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o Museo do Pobo Galego.

En concreto, as sesións iniciaranse en xaneiro na Biblioteca Patrimonial e no Museo de Évora (Portugal); en febreiro desenvolveranse no Museo de Aquitania (Francia); en marzo, na Galería Ogiva de Óbidos (Portugal); en abril, no Museo Thyssen-Bornemisza (Madrid); e en maio, no Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago de Compostela), entre outras instalacións.

Un camiño de contos é unha actividade de conta-contos dirixida a escolares de entre 5 e 8 anos de idade, na que a través da música, a palabra e a imaxe farán un percorrido virtual, da man dos especialistas en animación á lectura polas distintas rutas. Cada sesión finaliza cun obradoiro de plástica creativa na que os nenos confeccionarán con debuxos un caderno de viaxe, que será obxecto dunha exposición final.                                                                                                                                                                                                           


Os nenos e nenas de 9 a 11 anos participarán nunha sesión de A arte no camiño, e nela recibirán información acerca das obras de arte que se poden visitar nas diferentes rutas. Prestaráselles unha atención especial aos fondos dos museos colaboradores nesta iniciativa: Thyssen-Bornemisza, Centro Galego de Arte Contemporánea, Museo de Aquitania, Museo de Évora e o Museo do Pobo Galego.

Obradoiros con ilustradores doutros países
A actividade finalizará cun obradoiro plástico e cos nenos e nenas convertidos en artistas. Para iso, contarase coa axuda de ilustradores de distintos países. E cada un deles contribuirá cun conto tradicional do seu lugar de orixe. Así, a Francia acudirá unha ilustradora de Portugal (Teresa Lima), a España unha francesa (Veronique Vernette) ou a Portugal unha galega (Itziar Ezquieta), nun intento por fomentar o intercambio e o movemento transnacional da creación plástica. Cada artista presentaralles aos nenos un conto do seu país e entre todos debuxarán os personaxes e as accións da historia.

Cunha recompilación e selección destas obras confeccionarase o libro ilustrado, Os contos do camiño vistos polos nenos, con contos tradicionais de Galicia, España, Portugal e Francia, e debuxos dos cativos.

Web
Ao comezo da iniciativa crearase unha páxina á que se accederá a través de varios enderezos: